O Goberno español denuncia o uso de Pegasus contra Sánchez e Robles

O Goberno español denunciou o uso de Pegasus contra Pedro Sánchez e Margarita Robles. Segundo fontes do Executivo español, as dúas intrusións ao teléfono móbil do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, extraerían máis de 2,6 xigas do terminal, mentres que o ataque á ministra de Defensa, Margarita Robles, extraería nove megas de datos.
Margarita Robles e Pedro Sánchez terían sido vítimas de espionaxe co sistema israelita Pegasus. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Margarita Robles e Pedro Sánchez terían sido vítimas de espionaxe co sistema israelita Pegasus. (Foto: Nós Diario)

O ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática do Estado español, Félix Bolaños, anunciou na segunda feira que o teléfono do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o da Ministra de Defensa, Margarita Robles, foron infectados co software israelita Pegasus.

Bolaños sinalou que o Goberno puxo en coñecemento da xustiza dous informes técnicos do Centro Criptolóxico estatal nos que se detallan os feitos.

O ministro destacou que se produciron dous intrusións no teléfono móbil do presidente do Goberno español en maio de 2021 e unha intervención no móbil da ministra de Defensa en xuño de 2021. "Non hai probas de ningunha intrusión posterior a estas datas", afirmou.

Segundo fontes do Executivo español, as dúas intrusións do programa de espionaxe Pegasus ao teléfono móbil do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, extraerían máis de 2,6 xigas do terminal, mentres que o ataque ao móbil da ministra de Defensa, Margarita Robles, extraería nove megas de datos.

"É evidente que estamos ante intervencións ilícitas e externas", declarou Bolaños. "Estamos a informar de feitos que están contrastados e que son irrefutábeis. Non son suposicións", precisou. Para o ministro, trátase de feitos de "enorme gravidade" que confirman que se produciron intrusións "en ámbitos alleos ás institucións estatais e fóra da lei". 

O presidente do PP español, Alberto Núñez Feixoo, considerou esta segunda feira que o feito de que se coñeza agora que os teléfonos do xefe do Executivo español e da ministra de Defensa foran infectados polo programa Pegasus é unha "casualidade política non menor" ao producirse en "pleno debate" sobre o caso de espionaxe.

"Dobre vara de medir"

A portavoz do Govern da Generalitat de Catalunya, Patrícia Plaja, acusou o Goberno español de aplicar unha "dobre vara de medir" porque, ao seu xuízo, cando a espionaxe só afectaba o soberanismo expresaba dúbidas, mentres que agora que pode afectar persoas do seu Executivo, actúa diferente.

Así mesmo, Plaja afirmou que o Goberno español debe asumir responsabilidades, sexa certo ou non que estivo afectado por espionaxe. "Se o sabían todo ou unha parte, é moi grave porque o permitiron. Se non o sabían, sería aínda máis grave porque non controlan nin o seu propio Estado", afirmou. 

Pola súa parte, o lehendakari vasco, Iñigo Urkullu, eludiu falar sobre a espionaxe a políticos a través de Pegasus. "Non, que me están gravando", ironizou ante os medios.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou de "sorprendente" a información de que Sánchez e Robles tamén foran vítimas da espionaxe con Pegasus. "Se é cortina de fume para facer pasar culpábeis por vítimas é moi grave", mais "se é verdade, é gravísimo".

"En calquera caso, xustifica máis a comisión de investigación pedida polo BNG e outras forzas", proseguiu. "Quer dicir que o CNI espía o presidente do Goberno? Se así for, a calidade democrática do Estado español, que xa estaba polo chan, descendeu por baixo do nivel das cloacas", aseverou.

O deputado de Euskal Herria Bildu no Congreso, Oskar Matute, afirmou na segunda feira que se debe aclarar "sen marxe de dúbida" e con probas que o programa Pegasus non foi utilizado polas "cloacas do Estado".

En todo caso, Matute cre que hai un elemento que, "de entrada, renxe un pouco" e é que, "o que se dixo é que o programa Pegasus só se lle daba a Estados", e agora suxírese o emprego cun "ente externo ao propio Estado".

Comentarios