Caso 'Pegasus'

Os móbiles de Pedro Sánchez e Margarita Robles foron infectados por 'Pegasus', segundo Moncloa

Moncloa afirma que en 2021 tanto o presidente do Goberno estatal como a ministra de Defensa sufriron senllos ataques con este programa de espionaxe.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha imaxe de arquivo (Foto: M. Fernández / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, tería sido espiado por 'Pegasus'. (Foto: M. Fernández / Europa Press)

O ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños, avanzou esta segunda feira que o teléfono do presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e o da Ministra de Defensa, Margarita Robles, foron infectados co software de espionaxe Pegasus.

Bolaños sinalou que o Goberno puxo en coñecemento da xustiza dous informes técnicos do Centro Criptolóxico Nacional nos que se detallan os feitos agora denunciados.

Así o notificou o ministro Bolaños durante a súa intervención nunha convocatoria de urxencia esta segunda feira, 2 de maio, na Moncloa, xunto á ministra Portavoz, Isabel Rodríguez.

O ministro precisou que se produciron dúas intrusións no teléfono móbil do presidente do Goberno en maio de 2021 e outra no móbil da ministra de Defensa en xuño de 2021. "Non hai probas de ningunha intrusión posterior a estas datas", afirmou. O software Pegasus, subliñou Bolaños, permite acceder ao contido dos teléfonos móbiles.

"É evidente que estamos ante intervencións ilícitas e externas. A información xa foi remitida aos tribunais", afirmou Bolaños, que incidiu en que se trata de feitos "contrastados e fidedignos" e non de "suposicións". Na mesma liña, o ministro engadiu: "Nunha democracia plena como a nosa, unicamente están facultados para facer intervencións organismos oficiais e sempre con autorización xudicial".

A respecto desta cuestión tamén se vén de pronunciar o ex president da Generalitat, Carles Puigdemont, outra das persoas que denuncia ser vítima da espionaxe con Pegasus, que sinalou que "a violación da intimidade de Sánchez e Robles é un crime gravísimo que ameaza a democracia" e trasladou a súa solidariedade "como vítimas", mais tamén a súa máxima exixencia "como responsábeis de non facer nada até o estalido do Catalan Gate, sostivo nunha mensaxe na súa conta de Twitter recollido por Europa Press.

Moncloa tería autorizado a espionaxe a 18 independentistas

Esta noticia chega logo de que a pasada semana transcedese que o Goberno de Sánchez autorizou o CNI en 2017 a espiar 18 membros da plataforma independentista catalá Tsunami Democràtic co beneplácito do Tribunal Supremo.

Aliás, a ministra de Defensa, Margarita Robles, xustificou na pasada cuarta feira no Congreso as acusacións a respecto do programa israelí de espionaxe Pegasus, malia que nun primeiro intre negara tales sucesos. "Eu pregúntolles: Que ten que facer un Estado ou un Goberno cando se vulnera a Constitución, cando alguén declara a independencia, corta as vías públicas ou ten relacións con dirixentes políticos dun país que está a invadir Ucraína?", replicou, tras a intervención da deputada da CUP Mireia Vehí.

Uns días antes, o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, negara con rotundidade que o seu departamento tivese adquirido este programa de espionaxe. "Nunca o compramos nin mantivemos contacto ningún con esa empresa", dixo.

Comentarios