Grande-Marlaska afirma que o Goberno español "nunca comprou" o programa de espionaxe 'Pegasus'

"Estamos nun Estado de Dereito onde se aplica a lei", dixo o ministro de Interior.
O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, nunha rolda de prensa da pasada semana. (Foto Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, nunha rolda de prensa da pasada semana. (Foto Eduardo Parra / Europa Press)

O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou esta sexta feira en Ribeira que o seu Ministerio "non comprou" o software Pegasus, que supostamente se utilizou por parte do Executivo estatal para espiar máis de 60 dirixentes independentistas. Dixo, aliás, que tampouco mantiveron nunca negociacións coa empresa responsábel deste programa informático.

Marlaska insistiu en que España "é un Estado de Dereito onde se aplica a lei", cun Goberno que "se somete ao ordenamento xurídico en todas e cada unha das súas actuacións".

"Que a cidadanía non teña ningunha dúbida a respecto diso; forma parte do noso ADN o acatamento e cumprimento estrito da lei", defendeu o ministro.

Por outra parte, apuntou, no que atinxe a posíbeis comisións de investigación, que non é o Goberno de España o que ten que decidilo. "Terá que decidilo quen teña competencia a respecto diso", comentou.

Tamén, sobre futuras peticións de comparecencia no Congreso, o responsábel de Interior sinalou que deberá pronunciarse "a mesa ou o órgano competente" mais, en todo caso, o Executivo está "para dar contas cando se lle pide, e máis ante os representantes da soberanía popular".

Esta cuarta feira tamén se pronunciou ao respecto a ministra de Defensa, Margarita Robles, que reivindicou o traballo do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) e garantiu que todas as súas actuacións están sempre "sometidas á lexislación vixente", ao tempo que rexeitou que se fagan acusacións "sen probas".

Ese mesmo día, por outra parte, o avogado de Oriol Junqueras e unha das vítimas da presunta espionaxe con PegasusAndreu Van den Eynde, asegurou que a orde de espiar os líderes independentistas "tivo que vir en última instancia do Goberno dese momento".

Comentarios