O PSOE dá 24 horas a Ábalos para renunciar á súa acta no Congreso

Inicia o xuízo pola corrupción do PP no Goberno de Castela e León.

José Luis Ábalos a pasada semana no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera José Luis Ábalos a pasada semana no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Case unha semana despois de transcender a presunta trama de corrupción relacionada coa compra de máscaras na pandemia de Covid-19, que afecta aos Ministerios de Interior e Transportes, así como ás Administracións de Canarias e Illes Balears, a Comisión Executiva Federal do PSOE resolveu hoxe brindar 24 horas ao ex ministro de Transportes José Luis Ábalos para que renuncie como deputado.

A voceira da forza estatal, Esther Peña, sostivo que consideran que “existe unha responsabilidade política” aínda que non está a ser “investigado, nin sinalado, nin imputado, nin o seu nome figura na investigación”.

Un dos integrantes da trama, Koldo García, desempeñábase como asesor de Ábalos mentres exerceu como titular do Ministerio entre 2018 e 2021, e foi un dos 14 detidos na operación policial impulsada pola Audiencia Nacional, centrada en adxudicacións de 54 millóns de euros.

Neste sentido, Ábalos renunciou con posterioridade á Presidencia da Comisión de Interior do Congreso.

Comisións de investigación

O órgano do PSOE demandou a creación dunha comisión de investigación sobre estas licitacións na Cámara Baixa, xusto o día no que o Partido Popular (PP) anunciou que creará no Senado unha comisión similar.

Corrupción no PP

Após ser suspendido hai dous anos, hoxe comezou na Audiencia Provincial de Valladolid o xuízo polo ‘Caso Perla Negra’, que pivota arredor do sobrecusto na construción e compra por parte da Junta de Castela e León dun inmoble e duns terreos para un polígono industrial no mandato de Juan Vicente Herrera (PP).

Amais de varios empresarios, están imputados dous viceconselleiros do seu Executivo, no que o actual presidente, Alfonso Fernández Mañueco, que goberna en coalición coa ultraespañolista Vox, era conselleiro de Presidencia e Xustiza.

Comentarios