Feixoo evita a foto con Abascal e non asistirá á toma de posesión de Mañueco

O aínda presidente da Xunta expresou o seu "apoio incondicional" a Mañueco, pero xustificou a súa ausencia pola dupla axenda como integrante do Goberno galego e dirixente estatal do PP.
Juan García-Gallardo e Alfonso Fernández Mañueco, na sesión de investidura. (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan García-Gallardo e Alfonso Fernández Mañueco, na sesión de investidura. (Foto: Europa Press)

O presidente estatal do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, non acudirá na terza feira á toma de posesión de Alfonso Pérez Mañueco como presidente de Castela e León, evitando así a foto co líder do novo socio de goberno dos populares, Vox, e deputado no Congreso, Santiago Abascal.

O aínda presidente da Xunta expresou o seu "apoio incondicional" a Mañueco, pero xustificou a súa ausencia pola dupla axenda como integrante do Goberno galego e dirixente estatal do PP. No seu lugar acudirá a nova secretaria da formación política, Cuca Gamarra.

Preguntado pola decisión de non presentarse na toma de posesión e se tiña que ver con Vox, Feixoo insistiu en que ten "un duplo compromiso" orgánico institucional.

"Iso significa que teño que compatibilizar unha axenda institucional cunha axenda de partido e estas cousas, evidentemente, no son sinxelos", declarou o presidente do PP, que subliñou que a súa "prioridade" neste momento é combater a inflación de case 10% no Estado español, mentres segue no cargo de presidente do Goberno galego.

"Cuestión de prioridades"

Pola súa parte, Cuca Gamarra xustificou a ausencia de Feixoo e asegurou que a "prioridade" e o "urxente" agora é a economía. Ese mesmo día, o presidente do PP ten fixados encontros cos axentes sociais na sede do partido, en Madrid.

Nunha entrevista en Telecinco que recolleu Europa Press,  Gamarra resaltou que o Partido Popular "si que estará" na toma de posesión de  Mañueco.

A secretaria xeral do PP, que tamén foi preguntada pola posibilidade que Feixoo quixese evitar unha foto con Santiago Abascal, negou a maior e insistiu na "cuestión de prioridades".

Ao seu entender, a ausencia do presidente dos populares "responde única e exclusivamente a iso" porque en política "priorizar" os problemas dos cidadáns debe estar "por enriba de todo". "E mañá así é como o PP afronta o día", sentenciou.

Comentarios