Berros masivos nos aeroportos contra o veto de Trump á inmigración musulmá: "Deíxaos entrar"

Unha orde do presidente dos EUA veta desde a sexta feira a entrada no país de inmigrantes e persoas refuxiadas de sete estados de maioría musulmá, nengún deles Arabia Saudita, aliado de Washington e de onde eran orixinarios, segundo a versión oficial, a maior parte dos terroristas que causaron o 11S. Unha xuíz deixou temporalmente sen efeito o veto presidencial.

Screen Shot 2017-01-29 at 18.04.13
photo_camera Protesto no aeroporto JFK en Nova Iorque

O veto de Trump prevía a prohibición de entrada nos EUA de inmigrantes e persoas refuxiadas de 7 países de maioría musulmá (Irán, Irak, Libia, Somalia, Sudán, Siria e Iemen) por espazo de 90 días. A orde asinouna o presidente dos EUA a sexta feira e, en función dela, Washington informou á imprensa de que se detiveran 109 persoas visando a súa deportación.

Mais os planos para repatriar as persoas detidas ficaron paralisados este sábado á noite a raíz dunha resolución xudicial ditada pola xuíz federal de Nova Iorque Ann Donnelly. En virtude da disposición adoptada por esta maxistrada, ningunha persoa que entrase legalmente no país podería ser deportada. Isto atinxe a persoas co estatus de refuxiadas e cidadás e cidadáns dos países devanditos que chegasen a solo norteamericano cos papeis -o visado de entrada- en regra.

A resolución da xuíz Donnelly alerta de que existe un risco de "danos sustanciais e irreparábeis" ás persoas detidas e, portanto, dispón a súa non repatriación.

A decisión xudicial chega no meio de masivos protestos ao longo e ancho do país, con miles de persoas a se manifestaren nos aeroportos baixo a palabra de orde "Deíxaos entrar".

A Unión polas Liberdades Civís dos EUA (ACLU polas súas siglas en inglés) anunciou que ía apresentar un recurso contra o veto de Trump.

O chefe do staff de Trump, Reince Priebus, negou que a introdución do veto fose producir o caos nos aeroportos e deu o dado de que o sábado entraron nos EUA 325.000 persoas e que apenas foron detidas 109.

A orde de Trump desatou un alude de críticas sobre a Casa Branca. No Reino Unido, Jeremy Corbyn demandou a Theresa May, a premier británica, que suspendese a visita do mandatario estadounidense ao país, prevista para o verán. Non parece que May lle vaia facer caso. 

Comentarios