Presidenciais francesas

Os primeiros inquéritos colocan na segunda volta o social-liberal Macron e a ultra Le Pen

Segundo Ipsos, o social-liberal Macron tería acadado 23,7 por cento dos sufraxios face 21,7 de Marine Le Pen. Fillon e Mélenchon terían empatado pola terceira praza, con 19,5 por cento. O candidato do Partido Socialista, o do actual inquilino do Elíseo, ficaría cunha percentaxe raquítica, 6,2 por cento. Sofres, outra empresa demoscópica, daría un empate técnico pola primeira praza -23 por cento Macron e Le Pen- e tamén pola terceira -19 por cento quer para Fillon quer para Mélenchon.

Recontagen
photo_camera En plena contaxe de votos.

De se confirmar estes resultados, Emmanuel Macron -ministro de Economía de Hollande durante o período agosto de 2014-agosto de 2016.- converteríase virtualmente no novo presidente da República francesa, pois ninguén dubida de que captaría todo o voto republicano na segunda volta para evitar a vitoria de Marine Le Pen.

Os inquéritos outorgan tamén un magnífico resultado para Mélenchon, o candidato apoiado polo Partido Comunista Francés e por sectores descontentos coa deriva social-liberal do Partido Socialista de Hollande, mais ficaría lonxe de opcións de pasar á segunda volta.

O grande derrotado sería o Partido Socialista, cun resultado que o coloca na irrelevancia política e que aboca a esta formación referente da socialdemocracia europea nunha situación delicadísima, á beira do colapso.

É obvio que Macron, de tendencia centrista, captou boa parte do o voto social-liberal do Partido Socialista, o que representaría Manuel Valls, derrotado por Hamon nas primarias da fomación socialdemócrata.

Comentarios