O primeiro G20 con Trump conclúe en G19 e ½

A nova administración norteamericana desmárcase dos consensos defendendo o proteccionismo e rexeitando retornar ao Acordo de París contra o cambio climático.

merkeltrump
photo_camera Ángela Merkel e Donald Trump durante a cimeira do G-20 [Foto: G20 / Bundesregierung / Bergmann]

“Nunca antes o mundo estivo tan dividido” afirmou o presidente francés Emmanuel Macron. A cita resulta exaxerada de facer unha lectura histórica con maior perspectiva. No entanto, describe o grao de división no seo das grandes potencias mundiais. O G20, cuxas cimeiras anuais foron impulsadas polo presidente Barack Obama en 2008 para conducir os esforzos internacionais para resolver a crise capitalista, conclúe após a cimeira decorrida en Hamburgo os pasados días 7 e 8 de xullo, feble e enfraquecido. A irrupción do novo presidente norteamericano, Donald Trump, ameaza con darlle o golpe de gracia a un espazo cada vez máis discutido. A administración Trump desmarcouse dos consensos enfatizando a súa defensa do proteccionismo, face a aposta por profundar na desregulación neoliberal e o libre comercio patrocinada por Alemaña e secundada pola UE. O disenso norteamericano sobre a política ambiental e a súa negativa a se reincorporar no Acordo de París contra o cambio climático, foi outro dos asuntos que deixaron en evidencia as discrepancias que fracturan o até agora monolítico G20.

A declaración final admite a posíbel revisión das normas da OMC

Se ben a declaración final da cimeira deste ano recolle o compromiso de “loita contra o proteccionismo, faise de maneira máis xenérica e con menos énfase que en anteriores declaracións, suavizando eta premisa e abrindo a posibilidade de acometer unha revisión das normas fixadas polo sistema da Organización Mundial do Comercio. Aliás, recoñécese o dereito do Estados a recorrer a instrumentos de defensa comercial “lexítimos” fronte a prácticas de competencia desleal. Unha referencia coa que se procuro compracer ao presidente Trump e o seu discurso contrario ao libre comercio. Un exercicio de equilibrismo político, que pivota sobre a frecuente inconcreción que paira sobre todas as resolucións do G20 desde a súa creación. A súa principal artífice foi a chanceler alemá, Ángela Merkel, quen aproveitou a cimeira para rebaixar as tensións existentes entre Berlín e Washington. 

Outros asuntos recollidos nas quince páxinas da resolución final foron a aposta por unha migración “ordenada, regulada e segura”, a denuncia da existencia de mafias de tráfico de persoas, a necesidade de reforzar a educación e a formación continúa dos e das traballadoras, a defensa dun sistema financeiro “moderno e xusto”, a necesidade duns estándares internacionais de transparencia que permitan combater “a corrupción, o fraude fiscal, o financiamento do terrorismo e o lavado de diñeiro”, a asunción dos obxectivos de desenvolvemento para o 2030, a adopción de medidas contra a discriminación contra a muller e o aumento da protección fronte a violencia de xénero, o combate da fame en varios países de África ou a necesidade de reforzar os sistemas sanitarios a nivel mundial. Unha lista de bos propósitos, sen ningunha concreción. 

“Boa química” entre Trump e Putin

O G20 foi tamén cenario do primeiro encontro entre os máximos mandatarios dos EUA e da Federación rusa. Trump e Vladimir Putin departiron por espazo de preto de dúas horas e media, malia estar previsto que a reunión durase apenas trinta minutos, e ambas as partes valoraron positivamente os resultados da xuntanza. “É unha honra”, resumiu o líder norteamericano. “Estou encantado de coñecelo persoalmente”, apuntou o mandatario ruso. O secretario de estado dos EUA ratificou que o encontro visou a existencia de “boa química”.

Os dous presidentes acordaron impulsar un novo cesar-o-fogo na Siria, que iniciou ao mediodía deste domingo. Tamén combinaron aproximar posturas en relación á crise ucraína, para o que proximamente un alto funcionario norteamericano se deslocará até Moscova. 

Fortes protestos

Durante os protestos contra o G20 producíronse 143 detencións e 122 arrestos provisionais. Houbo máis dun milleiro de persoas feridas.

A cimeira foi contestada nas rúas. Sob a consigna “benvidos ao inferno”, movementos sociais contrarios á globalización neoliberal e ás políticas impostas polo grande capital desde o inicio da vixente crise, foron brutalmente reprimidos polo potente operativo policial, o maior na historia da cidade, con máis de 20 mil axentes despregados. Producíronse 143 detencións e 122 arrestos provisionais, segundo datos da propia policía. Os disturbios producidos na primeira xornada da cimeira saldáronse con un milleiro de persoas feridas.

O sábado máis de 80 mil persoas fixeron parte dunha marcha pacífica polas principais rúas de Hamburgo no que baixo o lema “Solidariedade sen fronteiras en lugar do G20” rexeitaron as directrices fixadas polo foro.

Filla suplente

Unha das anécdotas que marcaron esta cimeira do G20 foi o feito de que nas ausencias de Donald Trump durante as sesións de traballo, o presidente dos EUA non fose substituído por un alto cargo do seu goberno, como é habitual, senón pola súa propia filla, Ivanka Trump. O propio presidente xustificou a decisión cualificado de “campioa” a súa filla e amosándose orgulloso do traballo realizado por esta, malia que non fixo uso da palabra entrementres axía de suplente presidencial. Desde a chegada á Casa Branca de Trump, a súa familia fai parte do círculo máis directo e estreito que acompaña a presidencia. Nese sentido, tanto a súa filla Ivanka Trump, o marido desta,  Jared Kushner, e o primoxénito Donald Trump Jr. teñen gañado un enorme peso nas entretelas do gabinete. Ivanka e Donald Jr. ocupan a vicepresidencia do holding empresarial The Trump Organization. 


Rajoy

A participación española no G20 limitouse a avalar as posicións defendidas pola UE, ao ditado das orientacións fixadas por Alemaña e  Francia. O presidente do goberno español, Mariano Rajoy, aproveitouse da cimeira para asegurar que na mesma as principais potencias mundiais “avalaron” as políticas de recorte e as reformas estruturais impulsadas polo Partido Popular.

Comentarios