O presente e futuro do republicanismo irlandés ten nome de muller

Gerry Adams anunciou no congreso do Sinn Féin que en 2018 deixaría a presidencia do partido republicano, posto que ocupa desde 1983. Os nomes que máis soan para cubrir a primeira liña son de muller: a vicepresidenta do SF, Mary Lou McDonalds, e a líder da formación en Irlanda do Norte, Michelle O’Neill.

sinn fein irlanda
photo_camera Michelle O'Neil, Gerry Adams e Mary Lou McDonalds no enterro de M. McGuinness

Gerry Adams deixará en 2018 a presidencia do Sinn Féin, posto que ocupa desde 1983. Chegou ao cargo nunha Irlanda do Norte en pleno conflito armado entre o IRA, e paramilitares unionistas e estado británico e vai deixalo cun SF a piques de ser primeira forza nos seis condados nun escenario onde hai anos que desapareceu a violencia armada. O ‘León de Belfast’ (tomándolle prestado o alcume a Van Morrison) anunciou a pasada fin de semana no Ardfheis (congreso) dos republicanos a súa marcha. “Dirixir significa saber cando chegou o momento do cambio. O momento chegou”, dixo un Gerry Adams emocionado na clausura do congreso que decorreu en Dublín.

O veterano político, de 69 anos de idade, dá un paso atrás e a pregunta agora é quen ocupará a primeira liña do republicanismo irlandés. En marzo pasado falecía Martin McGuinness, outro dos líderes históricos e de peso entre os republicanos, curtido na loita contra a ocupación británica nos 70 e 80 e que foi un dos principais negociadores do proceso de paz dos 90. Os referentes dos últimos 30 anos, logo, van desaparecendo. 

Republicanismo

Con Adams encamiñándose cara á saída do escenario político, os principais referentes do actual Sinn Féin son mulleres, tanto no sur da fronteira fixada polos británicos, a República de Irlanda; como no norte, Irlanda do Norte. Nos seis condados baixo administración de Londres o Sinn Féin é segunda forza e a moi pouco de ser a primeira, a piques de superar o unionista DUP. Michelle O´ Neill (1977) é a líder dos republicanos en Irlanda do Norte, a portavoz do Sinn Féin na asemblea do Ulster e a rapaza que colleu o relevo de McGuiness cando este deu un paso atrás por mor da súa grave enfermidade.

O`Neill ten unha ampla experiencia política, tanto desde o activismo na rúa, onde se implicou desde ben nova, como na vertente institucional: foi ministra de Agricultura (2011-16) e de Saúde (2016-17) no goberno norilandés. Provén dunha familia de cerna republicana do condado de Tyrone. O seu pai, membro do IRA, pasou varios anos en prisión. O seu curmán, Tony Doris, foi un dos 3 militantes do IRA asasinados en 1988 en Xibraltar polos corpos especiais británicos, SAS. Outro seu curmán, Gareth, tamén fixo parte do Exército Republicano Irlandés, cumprindo condena por esta militancia.

Os seus adversarios destacan dela a súa capacidade de traballo e de escoita. Recoñecen que é unha das figuras chaves do republicanismo irlandés do presente e que máis o será co paso do tempo.

Mary Lou MacDonald (Dublín, 1969) é a persoa que moitos sinalan, tanto dentro como fóra do republicanismo, como substituta natural de Gerry Adams. Actualmente é a vicepresidenta do Sinn Féin e, desde 2011, deputada e portavoz da formación no Parlamento da República de Irlanda. Con anterioridade foi eurodeputada. Comezou a militar en política de moza, no Fianna Fáil, o partido conservador creado por Éamon de Valera en 1926 como escisión do Sinn Féin. Deixou esta militancia en 1998 para, posteriormente, adherirase ao republicanismo e á esquerda que representa o SF.

Ten asumido importantes responsabilidades internas no partido republicano e é unha das persoas de peso do seu Ard Chomhairle (Executiva). “O Sinn Féin non é un culto, estamos listos para gobernar para o pobo”, manifestou para se referir á vontade do partido de cambiar a política irlandesa. Non oculta que gostaría de ser a primeira presidenta republicana da República de Irlanda. Actualmente o SF é a terceira forza, cun 14% dos votos. As seguintes eleccións serían en 2021. Catro anos para conseguir a Taoiseach, o posto de presidente, cuxo primeiri icupante fora aquel 'Eamon de Valera, fundador do partido onde McDonald comezara a súa andaina política. 

Comentarios