Continúa o debate no seo do soberanismo catalán sobre que movimentos favorecer no taboleiro estatal. A última voz en se pronunciar é a da presa política Dolors Bassa, de ERC, partido que adire a liña neste momento máis pactista dentro das filas independentistas.
Nunha entrevista na Rac-1 —a emisora líder en Catalunya, propiedade do grupo de La Vanguardia—, Bassa expresou unha posición ambivalente en relación ao proxecto de orzamentos do Goberno Sánchez visando en último termo o obxectivo de non abocar o titular do executivo español a convocar eleccións anticipadas.
"A tal hora un non rotuno aos orzamentos non o diría, mais tampouco estou por aprobalos. Non podemos deixar caer o goberno de Pedro Sánchez. A alternativa a tombar este goberno é moito peor, con PP, Cs e a extrema dereita. Se os queren aprobar, que fagan un aceno. O que sexa, pero que o fagan", dixo.
Na entrevista Bassa afirma que ten indicios de que o xuízo aos presos indepentistas —enfrontan cargos por rebelión, sedición e malversación de fondos públicos— vai comezar antes do 6 de febreiro, pois que lle consta que testemuñas da acusación xa foron citadas a declarar.