O PP non logra blindar a fórmula de acatar Constitución española

A proposta do PP "buscaba" a ollos do BNG "cuestionar a lexitimidade das e dos representantes das formacións nacionalistas e soberanistas, que representan no Congreso máis de 2 millóns de persoas". 
Vista do hemiciclo do Congreso na última votación de investidura en xullo 2019 (Europa Press)
photo_camera Vista do hemiciclo do Congreso (Imaxe: Europa Press)

O Partido Popular non logrou os votos necesarios para aprobar a súa proposición de reforma do regulamento do Congreso presentada onte na Cámara Baixa polo deputado Carlos Rojas. Querían desde a dereita española con ela rematar coas formas en que deputadas e deputados soberanistas adoitan acatar a Constitución española para poderen adquirir a condición de parlamentares. 

"Por imperativo legal", acompañado de expresións en defensa dos pobos e a democracia, son as formas empregadas por representantes do Bloque Nacionalista Galego, ERC, Junts e outras forzas das nacións sen Estado. 

A proposta do PP "buscaba cuestionar a lexitimidade das e dos representantes das formacións nacionalistas e soberanistas, que representan no Congreso máis de 2 millóns de persoas", aseguraron desde o BNG. 

Precisamente o deputado nacionalista galego Néstor Rego votou onte contra esta iniciativa do Partido Popular así como contra unha proposta de Vox sobre "a familia" por excluír todas aquelas persoas "que non gostou" á ultradereita "como as parellas do mesmo sexo, as mulleres e especialmente, as persoas que deciden ter fillas ou fillos elas soas, maioritariamente mulleres".

Comentarios