Portugal elimina a obriga do certificado dixital da Covid-19

Portugal continental deixa de estar en "situação de calamidade" para entrar en "situação de alerta", o nivel máis baixo en situacións de catástrofes na Lei de Proteção Civil. Será até o vindeiro 7 de marzo, segundo informou esta quinta feira o Goberno, que anunciou a eliminación de cinco medidas no combate contra a Covid-19.
EuropaPress_4132657_comprobaciones_sanitarias_aeropuerto_lisboa
photo_camera Controis sanitarios no aeroporto de Lisboa. O certificado mantense para poder entrar ao país (Foto: Pedro Fiúza / Xinhua News)

O Goberno de Portugal anunciou nesta quinta feira un alivio das restricións estabelecidas para combater á pandemia da Covid-19, "mais um passo para o regresso à normalidade", nas palabras da ministra de Estado e da Presidência, Mariana Vieira da Silva. Son cinco as medidas anunciadas.

Confinamento

A partir de que entre en vigor a nova actualización, o confinamento de contactos estreitos non será necesario. Só deberán de permanecer illadas as persoas positivas en Covid-19, teñan ou non síntomas. Será a Direção-Geral da Saúde, no entanto, quen estabeleza as normas en consonancia coa decisión do Executivo.

Teletraballo

Desde esta quinta feira, o Goberno deixa de recomendar o traballo desde a casa como medida de loita contra a Covid-19, unha medida en vigor desde o inicio da pandemia, en marzo de 2020. O teletraballo foi obrigatorio durante un tempo, e agora cae tamén a recomendación.

Capacidade

Os estabelecementos comerciais, como é o caso das grandes superficies, xa non terán restricións ao número de persoas que poden acceder a un tempo. Até agora calculábase unha por cada cinco metros cadrados.

Certificado dixital

Tamén deixará de ser obrigatoria a presentación do pasaporte Covid. O documento creado co fin de alentar a poboación a inocularse causou gran polémica tras constatarse que as persoas vacinadas poden contaxiarse e contaxiar. A partir de agora non será necesario mostralo para acceder a certos lugares públicos, cunha excepción: a entrada a Portugal.

Test negativo

Tamén se elimina a exixencia de presentar unha proba negativa en Covid-19 para o acceso a grandes eventos, recintos deportivos, bares, restaurantes e discotecas. "Acesso para estes eventos, serviços e produtos passa a ser livre", adiantou Vieira da Silva. En todo caso, mantense para visitantes de centros de maiores e a pacientes en hospitais.

A "vella normalidade" renacerá coa primavera na maior parte de Europa

Portugal únese a outros países da UE que anunciaron nos pasados días o levantamento de restricións: Dinamarca e Suecia, onde xa non hai ningunha restrición, son os máis avanzados; Alemaña, Austria, Eslovaquia, Países Baixos e ─dentro do espazo Schengen─ Suíza foron os últimos. O chanceler alemán, Olaf Scholz, presentaba na cuarta feira un plan de volta á normalidade en tres fases, con medidas similares ás adoptadas por Portugal, como a fin da obrigatoriedade de mostrar o pase Covid. Os dous países manteñen o uso de máscara en interiores polo momento. O obxectivo é ir eliminando restricións progresivamente até o 20 de marzo, data tamén manexada por Lisboa. A preguntas dos xornalistas sobre o levantamento de todas as normas, Vieira da Silva dixo que se fará así se chegue á cifra definida polos expertos ─20 mortes a 14 días por 100.000 habitantes─ algo que, calculou, sucederá en cinco semanas.

Comentarios