Análise

Unha segunda marea rosada para América Latina

A politóloga, experta en migracións internacionais, Luca Chao analiza para 'Nós Diario' a situación en América Latina.
Andrés Manuel López Obrador, Xiomara Castro, Gustavo Petro, Pedro Castillo, Luis Arce, Gabriel Boric, Lula da Silva e Alberto Fernández (Foto: Álex Rozados).
photo_camera Andrés Manuel López Obrador, Xiomara Castro, Gustavo Petro, Pedro Castillo, Luis Arce, Gabriel Boric, Lula da Silva e Alberto Fernández. (Ilustración: Álex Rozados)

A toma de posesión de Lula en Brasil este domingo parece confirmar unha segunda onda da esquerda latinoamericana, unha segunda marea rosa, por usar a denominación popularizada para referirse á coincidencia temporal entre os gobernos de Chávez, Morales, Lula da Silva, Mújica, Correa e os Kichner no comezo de século, e que remite, necesariamente, ao concepto das ondas revolucionarias marxistas.

Ese segundo o cal os movementos revolucionarios van e veñen e que leva a preguntarse polas súas similitudes e diferenzas e indagar sobre os factores que determinarán ata onde poderá chegar o impulso para o progreso social desta volta.

Neste senso, o primeiro que cabe destacar é a extensión dos novos gobernos. A presidencia de Brasil confirma un máximo histórico para a esquerda latinoamericana que estaría gobernando o 85% da poboación en América Latina, así como os países de maior peso económico do continente. Deste modo, a vitoria de Lula no Brasil sumouse á de Gustavo Petro en Colombia (que por primeira vez estará gobernada pola esquerda), Xiomara Castro en Honduras, Gabriel Boric en Chile, Pedro Castillo no Perú, Luis Arce en Bolivia, Alberto Fernández na Arxentina e López Obrador, o primeiro deste novo tempo, en México. E os xa consolidados gobernos de Cuba, Venezuela e Nicaragua.

Porén, unha das grandes diferenzas coa etapa previa radica, precisamente, nos menores lazos internacionais establecidos entre eles, ou, mellor dito, en certo abandono da perspectiva de integración interrexional, derivada doutros factores diferenciadores como a falta dun liderado político clave, a ausencia dun proxecto ideolóxico común e o contexto global.

Se o século XX foi o dos grandes líderes carismáticos, e especialmente do protagonismo de Fidel Castro como referente dos gobernos da esquerda latinoamericana, o do XXI é inseparable do consumo mediático que coloca elementos da vida privada dos líderes en tema de discusión pública. Asistimos así a certa banalización do liderado populista e ao xurdimento de liderados hiperpersonalistas, mediáticos, que unicamente xeran adhesións momentáneas pero dificilmente conseguen compromisos populares a longo prazo. Segundo, non teñen un proxecto ideolóxico común.

Son forzas de esquerda e progresistas, mais veñen de tradicións políticas diferentes

Malia autodenominarse forzas de esquerda e progresistas, veñen de tradicións políticas diferentes e moitos tratan de marcar distancias co socialismo de Cuba e Venezuela, presentándose como reformistas máis ou menos moderados. Ao tempo, incorporan novos temas como centrais nas súas axendas políticas, especialmente o feminismo, os dereitos dos colectivos lgbtiq, minorías étnicas e racializadas e a defensa do medioambiente recuperando o dilema entre unha axenda neoextractivista, propia daqueles países con máis recursos e materias primas, e a indixenista de protección medioambiental.

Debates que se enmarcan nun contexto socioeconómico global moi diferente ao que atoparon os gobernos da primeira vaga.

Da época de expansión económica xurdida á calor do boom das materias primas que se viviu a principios do século, e que permitiu, en gran medida, financiar amplas axendas sociais e reformas (especialmente a Venezuela e Brasil, que puideron aproveitar os prezos do petróleo para avanzar na senda social e acadar logros indiscutibles en termos de redución da pobreza), os novos gobernos afrontan un momento crítico, con economías minguadas que aínda padecen as consecuencias da crise da Covid-19, a alza dos prezos e a sombra dunha nova recesión no horizonte.

Todo mentres forman parte (de forma voluntaria ou involuntaria) dun panorama xeopolítico tensionado pola loita entre as principais potenciais mundiais que tratan de reforzar alianzas e dividirse, unha vez máis, o pastel latinoamericano.

Finalmente, hai que considerar o desgaste destes sistemas políticos, que veñen amosando dificultades claras para a reelección de calquera goberno imposibilitando a aplicación de calquera programa a longo prazo. Así como a ameaza autoritaria que supón a reorganización das elites e forzas políticas máis conservadoras, co paralelo ascenso da extrema dereita, decidida a evitar calquera avance dos gobernos electos.

Tal e como se evidenciou dende o primeiro momento do goberno de Castillo no Perú, que remataría coa entrada en prisión do presidente e a forte represión nas rúas contra o pobo que pide a súa volta e a convocatoria de eleccións. Unha mostra máis do débiles e continxentes que resultan as vitorias electorais. O poder, xa se sabe, decídese noutros escenarios.

Comentarios