Sumar e Podemos, máis afastados: Nacho Álvarez renuncia a ser ministro e abandona Podemos

Poucas horas despois de que a líder de Sumar, Yolanda Díaz, propuxese a Podemos un ministerio para Nacho Álvarez a cambio dun acordo para o cesamento dos "ataques" a membros da coalición, o até agora responsábel de economía da formación morada retírase porque "a actual dirección perdeu a confianza en min", dixo.
Nacho Álvarez. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Nacho Álvarez. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O secretario de Estado de Dereitos Sociais, Nacho Álvarez, anunciou esta sesta feira que renuncia a ser ministro, como propuxera Sumar, e que dimite de todos os seus cargos en Podemos: "É evidente que a actual dirección de Podemos perdeu a confianza que depositou en min cando me nomeou membro da Executiva", explicou nunha carta á militancia de Podemos publicada en redes sociais.

"Na miña cultura política non é concebíbel aceptar un cargo á marxe da organización da que un forma parte", engadiu Álvarez agradecendo ao mesmo tempo a confianza depositada nel por parte da líder de Sumar, Yolanda Díaz, que esta sexta feira ofreceulle ocupar un ministerio no próximo Goberno, aínda que é unha decisión que Podemos "non apoia".

"Agradezo a confianza que Yolanda Díaz deposita en min, pero non podo aceptar ser ministro do Goberno se a dirección da miña organización non o aproba", destacou na súa mensaxe en redes sociais.

Parte da historia de Podemos

Na súa carta, Álvarez fai un repaso do seu traballo na formación onde traballou "con esforzo, ilusión e compromiso" nun proxecto que, segundo indicou, "foi transcendental para entender os cambios que se deron na política durante o últimos dez anos".

Neste sentido, quixo destacar o papel "crucial" que supuxo Podemos para "redefinir e osixenar o mapa político español" que puxo fin ao bipartidismo e remarcou que se sente "orgulloso" de formar parte desa historia.

Con todo, Álvarez tamén admitiu ter en diversas ocasións "diferenzas relevantes" coa orientación de Podemos que sempre lles trasladou nos órganos de dirección. "Considero que a auténtica lealdade a un proxecto político pasa por buscar os puntos en común que nos unen, expresar con honestidade as diferenzas para traballalas e facelo nos órganos de dirección, non nos medios de comunicación", precisou.

Un paso a un lado

Así, considerou que "o máis honesto é dar un paso a un lado e dimitir" de todos os seus cargos no partido deixando tanto a Secretaría de Economía como o Consello Cidadán Estatal e a Executiva.

Cando conclúa o seu mandato á fronte da Secretaría de Estado "nos próximos días" volverá exercer como profesor de economía na Universidade Autónoma de Madrid, dixo, antes de agradecer a Pablo Iglesias e á secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, a confianza posta nel.

Ao seu xuízo, a principal fortaleza das forzas progresistas e de esquerda "pasa pola unidade" e pola "fraternidade" entre os proxectos. "Os partidos non se deben aos seus responsables ou aos seus militantes, senón fundamentalmente aos cidadáns aos que aspiran representar", apostilou no seu texto.

A dimisión de Nacho Álvarez é a terceira saída dun cargo da executiva de Podemos desde setembro despois de Sofía Castañón, que abandonou a secretaría de Cultura, e Alejandra Jacinto que ocupaba a de Vivenda.

"Aos és dos cabalos"

A líder de Podemos, Ione Belarra, expresou a súa "enorme tristeza" pola dimisión de Álvarez e recriminou que o seu partido non merece as "estrataxemas" de Sumar. "Poñen á nosa xente aos pés dos cabalos", expresou en redes sociais.

A súa reacción chegou precisamente despois de que Díaz mandase un documento á cúpula do partido onde expuña que Álvarez entrase no Goberno pola cota de Podemos e que a formación se comprometese a cesar os "ataques e insultos", algo que foi criticado por Belarra ao ver unha estratexia entre Díaz e Pedro Sánchez para "xustificar que os botan" do Goberno de coalición.

Ademais, Podemos reclama que Irene Montero é a súa opción para estar presente no Goberno.

Na cho Álvarez era unha aposta de Díaz como ministro após liderar antes o equipo negociador de Sumar para o acordo programático de coalición con Sumar e exercer de portavoz económico da coalición en campaña.

Comentarios