ELIMINA DO PROGRAMA A ALUSIóN AO DEREITO A DECIDIR

Podemos defende unha política fiscal o máis uniforme posíbel entre as comunidades

Continúa a viraxe de Podemos cara ao centro -en latitudes socialdemócratas- e cara ao centralismo. Iso é moi notorio se se ler con atención o seu Programa Marco para as municipais. Desaparece a referencia ao dereito a decidir que ía no programa das europeas e o Estado español -denominado España- pasa a ser un "país".

Pablo Iglesias, municipais 2015
photo_camera Pablo Iglesias


O Programa Marco de Podemos apreséntase co lema "215 medidas para un proxecto de país". Nel desaparece toda a fraseoloxía rupturista que Podemos empregou nos seus albores. É moi evidente o esforzo de moderación dos contidos programáticos, obra da equipa dirixida por Íñigo Errejón e que non contou co aval do demitido secretario de Programas, Juan Carlos Monedero.

A moderación pasa por certo grao de desnaturalización. Xa non fica nen rastro das apelacións ao proceso constituínte nen a caracterización do Estado español como un Estado pluri ou multinacional. Ningunha alusión ao réxime do 78 e si máis ben aceitación de que alumeou cousas positivas: "Temos institucións que contemplamos con orgullo; xa hai moito camiño percorrido. Temos as pezas, pero falta ordenalas, axustalas e equilibralas".

Non se di que institucións son as que contemplan con orgullo, mais o discurso de fondo é que o problema non está tanto na partitura como nos intérpretes da música: "Aínda tendo materiais de boa calidade, caíron en mans de gobernos torpes, cortos de miras e desbaldidores".

"Temos institucións que contemplamos con orgullo; xa hai moito camiño percorrido. Temos as pezas, pero falta ordenalas, axustalas e equilibralas"

Xa non hai, portanto, apelacións a mudanzas estruturais, senón simplesmente a cambios de xestores. A terminoloxía -o cambio- evoca obviamente a palabra fetiche que levou á xeneración de Felipe González ao goberno do Estado en 1982.

O abandono do rupturismo corre paralelo co movimento de Podemos cara posicións clásicas do centralismo nunha materia tan sensíbel como o fiscal.

Neste sentido, Podemos abraza un clásico do españolismo: a necesidade de evitar a "a actual competencia fiscal desleal entre comunidades autónomas". Isto equivale a abominar da plena autonomía fiscal (que permita a un comunidade oferecer, se quixer, incentivos fiscais distintos aos que oferece outro territorio). Podemos aposta en que "a fiscalidade autonómica" garde ("respeitando sempre a autonomía competencial e os réximes forais e autonómicos proprios") a "maior uniformidade posíbel", visando que non se dean casos de "competencia fiscal" dentro do propio Estado.

A coartada que se emprega é a existencia de "altos niveis de fraude fiscal" que exixirían a coordenación da "xestión", con independencia, iso si, de que o coordenador sexa o Estado, a comunidade autónoma ou sexa "conxunta".

Co Programa Marco, Podemos pon terra de por medio a respeito dalgunha das súas propostas clásicas (a renda cidadá universal, por exemplo) e coloca o seu discurso en posicións filocentristas, talvez coa pretensión de frear o avanzo de Ciudadanos nos inquéritos.

Ao axir así, Podemos corre o risco de se allear apoios polo flanco esquerdo e de xa non ser simpáticos a ollos do soberanismo, tal e como nese sentido ilustra este chio de Lluis Llach:


Comentarios