Vitoria xudicial das abellas sobre Bayer

O Tribunal Europeo de Xustiza mantén o veto a tres nocivos insecticidas.
abella_onu
photo_camera A ameaza que supón a súa progresiva desaparición fixo que en 2017 a ONU decidise designar o 20 de maio Día Mundial das Abellas (ONU)

No planeta existen polo menos 20.000 especies de abellas silvestres, das que preto de 2.500 viven en Europa. Este e outros insectos, ademais dos paxaros ou dos morcegos, contribúen á polinización de 87 dos 115 principais cultivos do mundo, até 35% das colleitas a nivel mundial. Son datos da Axencia das Nacións Unidas para a Alimentación (FAO).

É dicir, sen abellas, a fame sería un problema aínda maior do que xa é. Aproximadamente tres de cada catro cultivos de froitas ou cereais destinados ao consumo humano a nivel global dependen, polo menos en parte, dos polinizadores. As abellas non só potencian a produción agrícola de verduras, froitas, froitos e sementes, senón que a melloran e fan que sexa de maior cualidade e máis variada.  

A súa importancia, e a alarmante redución no seu número que se rexistra nos últimos anos, fixo que en 2017 a ONU decidise designar o 20 de maio Día Mundial das Abellas. Para a FAO, este descenso "pode ser atribuído ao uso de pesticidas, á degradación do hábitat, á insustentabilidade da agricultura intensiva, ás pestes e patóxenos, e ao cambio climático". E avoga por "procesos ecolóxicos na produción alimentaria".

Tres pesticidas

O Día Mundial das Abellas deste ano ten un especial motivo de celebración. Nas últimas horas, o Tribunal Europeo de Xustiza ─a corte suprema da UE─ rexeitou unha apelación da multinacional químico-farmacéutica alemá Bayer, que solicitaba a fin do veto a tres insecticidas usados na protección de cultivos especialmente nocivos para as abellas. 

Outro tribunal comunitario estabelecera hai tres anos, en primeira instancia, este veto, que afecta a tres substancias activas: imidacloprida, desenvolvida por Bayer CropScience; clotianidina, desenvolvida pola xaponesa Takeda e por Bayer CropScience; e tiametoxam desenvolvida pola suíza Syngenta (propiedade da empresa estatal chinesa ChemChina).

Un portavoz de Bayer, en declaracións recollidas por axencias internacionais, afirmou que "o veredicto semella permitir á Comisión carta branca para revisar autorizacións existentes, con base na máis lixeira proba, que nin sequera fai falla que sexan novos datos científicos".

Non obstante, desde a década pasada cada ano se publican máis e máis estudos científicos de prestixiosos organismos que ligan estes produtos coa morte dos insectos polinizadores. 

O responsábel de asuntos xudiciais de Greenpeace, Andrea Carta, mostrou a súa satisfacción pola resolución xudicial:  "O Tribunal de Xustiza reafirmou que protexer a natureza e a saúde da xente  ten prioridade sobre os intereses cortopracistas das poderosas multinacionais".

Veto progresivo e parcial

En 2013, a Comisión prohibiu o uso de neonicotinoides ─insecticidas como a imidacloprida, a clotianidina ou o tiametoxam que actúan no sistema nervioso central dos insectos─ en cultivos de cereais, aínda que mantivo o seu uso noutros como a remolacha azucreira. E en abril de 2018 decidiu vetar totalmente o seu uso en exteriores diante da progresiva redución de colonias de abellas.

Non obstante, a nivel dos Estados membros, entre 2013 e 2019 outorgáronse 206 autorizacións de urxencia para o uso destes tres neonicotinoides. A Comisión ten como meta reducir o uso de pesticidas a 50% e de fertilizantes a 20% para 2030. 

Até agora, segundo o último informe do Tribunal de Contas ao respecto, as medidas adoptadas pola UE para conservar a progresiva redución no número e diversidade dos insectos polinizadores no continente foron ineficientes.

Referendo en Suíza para prohibir o uso de pesticidas artificiais

Segundo unha enquisa publicada onte pola TV pública suíza, SRF, 55% das persoas consultadas votarán a favor de prohibir o uso de pesticidas artificiais e a importación de alimentos do estranxeiro onde sexan usados estes insecticidas. 

A medida, de ser aprobada, deberá ser posta en marcha no prazo máximo de dez anos.  Noutra votación paralela, a enquisa reflicte que 54% apoia retirar os subsidios aos labregos que usan pesticidas ou aos gandeiros que administran de forma cotiá antibióticos aos animais.

O referendo desenvolverase o vindeiro 13 de xuño.

Comentarios