venres 03/12/21

Patrimonio Nacional gastou este 2021 até 500.000 euros a través dunha empresa no mantemento de tres piscinas da Casa Real española, segundo vén de publicar Eldiario.es. Este gasto sae do Ministerio de Presidencia e é diñeiro, en principio, destinado a protexer o patrimonio histórico e cultural mais non unha piscina particular sen ningún tipo de atractivo arquitectónico.

Son dúas piscinas de verán e unha climatizada para a tempada de inverno. A información de  Eldiario.es sinala que o Estado xustifica a partida como a "traballos específicos de mantemento de piscinas", así se pode constatar no epígrafe de contratación estatal de Patrimonio Nacional.

Para tentar xustificar a acción, remítense ao decreto marcado polo ministerio de Sanidade que establece "o coidado de espazos públicos e privados". A efectos prácticos, nestas piscinas tan só se poden bañar Felipe VI, a súa familia e os invitados.

O contrato adxudicouse a  Multiservicios Tecnológicos SA, especializada en instalacións, climatización ou cámaras frigoríficas. Ademais, téñense que sumar 240.000 euros adicionais polo mantemento do edificio e as súas dependencias na empresa Teodoro SA, tarefas de limpeza do palacio por 893.000 euros e servizos forestais do Pardo por 140.000.

En definitiva, practicamente hai 2 millóns de euros extras que se teñen que sumar aos 8,4 millóns oficiais que o Estado paga dos Orzamentos para manter a monarquía.

Patrimonio Nacional dedica diñeiro e persoal á Casa Real. Segundo os últimos datos públicos do 2015, destínanse 122 traballadores á Zarzuela. Patrimonio Nacional pagou o mantemento da casa de Corinna e os seguros dos coches de luxo do rei emérito.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Patrimonio Nacional paga 500.000 euros para o mantemento de tres piscinas da Casa Real
comentarios