Que paraísos fiscais hai no mundo? O Goberno español sinala estes 24 países e territorios

Jersey, Illas Caimán ou Bermudas seguen a engrosar unha listaxe elaborada por Facenda que 30 anos atrás comprendía o dobre de territorios.
As Illas Caimán son un dos territorios considerados paraíso fiscal polo Goberno español. (Foto: Andy Morehouse)
photo_camera As Illas Caimán son un dos territorios considerados 'paraíso fiscal' polo Goberno español. (Foto: Andy Morehouse)

O Ministerio de Facenda e Función Pública vén de aprobar a Orde pola que se determinan os países e territorios, así como os réximes fiscais prexudiciais, que teñen a consideración de paraísos fiscais en función do novo concepto internacional de xurisdición non cooperativa. En función deste novo concepto, previsto na Lei de loita contra a fraude, actualízase a listaxe de paraísos fiscais, na que agora aparecen 24 territorios, segundo recolle a resolución publicada esta sexta feira no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Coa finalidade de combater máis eficientemente a fraude fiscal, a citada lei ampliou o concepto de 'paraíso fiscal', adecuándoo ao concepto internacional de xurisdición non cooperativa, e estabeleceu novos factores a ter en conta. Isto implica unha actualización dos criterios para a determinación dos países e territorios que teñen a consideración de xurisdición non cooperativa, en liña cos traballos desenvolvidos no ámbito internacional, tanto no marco da Unión Europea como da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE).

Así, a lei exixe que se atenda a criterios non só de transparencia, senón tamén de equidade fiscal, identificando aqueles países e territorios caracterizados por facilitar a existencia de sociedades extraterritoriais dirixidas á atracción de beneficios sen actividade económica real ou pola existencia de baixa ou nula tributación, ou ben pola súa opacidade e falta de transparencia, pola inexistencia co devandito país de normativa en materia de intercambio de información tributaria, pola ausencia dun efectivo intercambio de información co Estado español ou polos resultados das avaliacións realizadas polo Foro Global sobre a efectividade dos intercambios de información cos devanditos países e territorios.

Estes criterios, valorados de maneira conxunta, son os que permiten actualizar a vixente listaxe de países e territorios, recollida no real decreto 1080/1991. No documento publicado hai máis de 30 anos aparecían inicialmente 48 territorios —o dobre que na actualidade—, aínda que ao longo dos anos foise reducindo a listaxe medida que se asinaron acordos específicos de intercambio de información ou convenios para evitar a dobre imposición con cláusula de intercambio de información.

O real decreto que esta sexta feira sae publicado no BOE revisarase á vista das actualizacións internacionais e dos desenvolvementos e avances nacionais. Na orde publicada teñen a consideración de xurisdicións non cooperativas os seguintes países, territorios e réximes fiscais prexudiciais:

  • Anguila
  • Bahréin
  • Barbados
  • Bermudas
  • Dominica
  • Fiji
  • Xibraltar
  • Guam
  • Guernsey
  • Illa de Man
  • Illas Caimán
  • Illas Malvina
  • Illas Marianas
  • llas Salomón
  • Illas Turcas e Caicos
  • Illas Virxes Británicas
  • Illas Virxes dos Estados Unidos de América
  • Jersey
  • Palau
  • Samoa
  • Samoa Americana
  • Seychelles
  • Trinidade e Tobago
  • Vanuatu

Comentarios