domingo 27/09/20

A pantasma de Keynes percorre Europa

A eliminación do teito de gasto público tornouse un salvavidas ante o coronavirus para a UE. Dinamarca, un dos membros con impostos máis altos, foi pioneiro en aprobar medidas nesta liña.
A primeira ministra de Dinamarca, a socialdemócrata Mette Frederiksen (Thierry Roge / BELGA)
A primeira ministra de Dinamarca, a socialdemócrata Mette Frederiksen (Thierry Roge / BELGA)

Os ministros de Economía e Finanzas da eurozona (o Eurogrupo) continúan a traballar en diversas medidas para facer fronte ás consecuencias económicas do coronavirus. A pandemia, asumen, levará a Unión Europea a unha recesión que será moito maior do previsto inicialmente. A contracción, segundo informou a Comisión Europea, pode ser similar á do ano 2009, cando o Produto Interior Bruto (PIB) caeu 4,1% na eurozona e 4,2% en todo o conxunto da UE.

Neste sentido, o Eurogrupo acordou permitir aos países incumprir os seus obxectivos fiscais e aumentar o gasto fronte á pandemia do coronavirus. Isto é, a activación da "cláusula de salvagarda". As regras de disciplina fiscal europeas, recollidas no Pacto de Estabilidade e Crecemento, estipulan que o déficit público dos Estados non pode superar 3% do seu PIB e a súa débeda, 60% do PIB.

É unha medida extraordinaria (que se contempla nas regras de 2011), totalmente oposta á disciplina fiscal que predican varios países membros, especialmente Alemaña, e que dá conta da dramática situación económica que prevén. O propio Goberno alemán suspendeu as súas restricións sobre os déficits fiscais consagrados na Constitución e aprobou un orzamento suplementario de 156.000 millóns de euros en novos préstamos.

Ambas as decisións, a do Eurogrupo e a do Consello Ministerial alemán, chegaron na segunda feira. Onte pola tarde os ministros de Economía da zona euro mantiveron unha nova videoconferencia onde estaban previstas novas medidas, como a activación do Mecanismo Europeo de Estabilidade (o fondo de rescate). 

A cláusula de salvagarda dá aos Gobernos a posibilidade de gastar sen medo ás sancións de Bruxelas, unha medida puramente keynesiana. O keynesianismo baséase nas teorías que o economista británico John Maynard Keynes plasmou no seu libro Teoría xeral do emprego, do xuro e da moeda (1936). Esta escola de pensamento defende que a política económica é a mellor ferramenta coa que conta un Estado para saír dunha crise económica. 

É, polo tanto, intervencionista; contempla o aumento do gasto público para estimular a demanda e, consecuentemente, a produción, o investimento e o emprego. O keynesianismo é unha corrente defendida historicamente pola socialdemocracia. A líder do Socialdemokraterne (o Partido Socialdemócrata danés) e primeira ministra de Dinamarca, Mette Frederiksen, foi pioneira en aprobar medidas que seguen esta liña para paliar os efectos da pandemia. 

O Goberno que preside esta ex sindicalista acordou a semana pasada coas centrais evitar os expedientes de regulación de emprego durante a corentena. Para isto, o Estado pagará nos vindeiros tres meses 75% dos salarios das traballadoras e traballadores até 23.000 coroas (3.080 euros). As empresas deberán cubrir o 25% restante. Como contrapartida, os empregados traballarán 5 días gratis para estas empresas, que deberán acreditar a necesidade de despedir pola actual situación como mínimo 50 persoas ou 30% do seu persoal.

Con esta medida, Dinamarca ─un dos países da UE con taxas impositivas máis altas e cun terzo da súa poboación traballando para o Estado─ pretende evitar a perda de ingresos por impostos e o gasto en prestacións por desemprego que suporían os despedimentos. "Non haberá teito", sinalou o ministro de Economía danés, Nicolai Wammen, no anuncio das medidas, asegurando que se porá todo o potencial financeiro estatal a funcionar.

comentarios