INTERNACIONAL

Palestina presentará a solicitude de estado observador o 29 de novembro

Palestina presentará a solicitude de estado observador o 29 de novembro

A Autoridade nacional palestina presentará a vindeira quinta feira a solicitude do estatuto de estado observador perante as Nacións Unidas. Entrementres, o ministro de Defensa israelí abandona o goberno a dous meses das eleccións en Israel.
Mahmud Abbas ONU
photo_camera Mahmud Abbas nas Nacións Unidas

A Autoridade nacional palestina continúa adiante coa proposta de ser recoñecido como estado observador (non membro) da organización internacional. Cuestión que espertou o malestar entre a dereita israelí, que segue a se opor aos pretensos palestinos argüíndo que o seu recoñecemento como tal suporía un atranco nun hipotético proceso de negociación cara á paz. Porén, os diálogos entre israelís e [email protected] hai máis de dous anos que se manteñen estancados. Neste sentido, todo apunta que Palestina obterá o voto favorábel de 130 dos 193 estados membros das Nacións Unidas, unha derrota para a diplomacia sionista que intentou por todos os medios --mesmo a través da violencia-- que esta votación non se producise.

A proposta do presidente Mahmud Abbas contaría mesmo co apoio de Hamas --malia que as relacións entre Al-Fatah e o Movemento de Resistencia Islámica non sempre son boas. O xefe no exilio de Hamas, Jaled Meshal, expresou ao presidente da Autoridade palestina o seu apoio á iniciativa que presentarán a vindeira quinta feira na Asemblea Xeral das Nacións Unidas e mesmo amosou certo achegamento cara a Al-Fatah asegurando que liberarían os seus militantes detidos desde 2006 en territorio gazací. Decisión que podería motivar a reconciliación entre as dúas principais organizacións palestinas.

O ministro de Defensa israelí abandona a política
Nunha conferencia de imprensa desenvolvida esta segunda feira, Ehud Barak --ministro de Defensa israelí-- anunciou a súa saída do goberno e a súa retirada da vida política. Segundo os últimos inquéritos electorais, o partido liderado polo xa ex-ministro semella ser unha das forzas en alza nas eleccións do ano próximo. A pouco máis de dous meses das convocatoria electoral, Barak asegurou que permanecería no seu cargo até ser elixido o novo executivo após os comicios do vindeiro 22 de xaneiro.

A decisión de Ehud Barak sorprendeu as demais formacións políticas ao se producir após a declaración de tregua entre Hamas e Tel Aviv. Neste sentido, un inquérito feito público polo diario Maariv asegura que o 49% da poboación israelí está en contra do cesamento ao fogo acordado a pasada semana e mesmo lle estaría a supor unha perda de apoios á coalición entre o Likud (Netanyahu) e os ultra-nacionalistas israelís Beitenu. Malia que aínda contarían con votos suficientes para continuaren no goberno, a formación perdería 6 escanos a respecto das enquisas publicadas pouco despois de se convocaren as eleccións.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios