A OMS insiste en que non cómpre inxección de reforzo contra a Covid

Os actuais datos científicos non o avalan por agora, sostén.
covax_oms
photo_camera Covax é a iniciativa que tenta asegurar o acceso á vacina a todos os países do mundo (Foto: OMS)

Os actuais datos científicos con que se traballa non indican que a dose de reforzo da vacina contra a Covid-19 sexa necesaria polo momento. Así o volveu reiterar na cuarta feira a Organización Mundial da Saúde (OMS) nunha comparecencia de prensa, onde tamén volveu insistir en que neste momento da pandemia cómpre que os colectivos máis vulnerábeis en todo o mundo se inoculen primeiro, antes de que os países máis desenvolvidos comecen a inocular esas doses de reforzo. 

Nas últimas semanas son varios os países que anunciaron que iniciarán nos próximos días a campaña da 'terceira dose'. Nos últimos días, Austria, Francia, Alemaña e Estados Unidos seguiron os pasos de Israel neste aspecto, ante a ameaza da variante delta do coronavirus.

"Temos a certeza de que hoxe en día os datos indican que as doses de reforzo non son necesarias", sostivo, porén, a xefa científica da OMS, Soumya Swaminathan, a preguntas dos xornalistas. Máis investigacións son necesarias, engadiu.

Outros dos expertos da OMS na pandemia, Bruce Aylward, defendeu que "hai suficientes vacinas no mundo, mais non están a ir aos lugares correctos na orde correcta". A xente máis vulnerábel debería recibir as dúas doses antes de inocular de novo aos que xa teñen a pauta completa, asegurou, engadindo que "estamos moi, moi lonxe a de iso".

Ademais, a OMS pediu a Roche, o fabricante do tocilizumab, que "comparta a tecnoloxía e os coñecementos técnicos" para aumentar a dispoñibilidade deste fármaco contra a Covid-19.

A OMS recomendou en xuño o tocilizumab para o tratamento dos casos máis graves, reducindo a mortalidade e a necesidade de ventilación mecánica invasiva cando se administra canda a osíxeno e corticosteroides.

Papa: vacinas para todos

Por outra banda, o papa Francisco arremeteu de novo contra o negacionismo ao subliñar que a inmunización universal contra o coronavirus é a única "esperanza". "Vacinarse, con vacinas autorizadas polas autoridades competentes, é un acto de amor. E axudar a que a maioría da xente se vacine é un acto de amor. Amor por un mesmo, amor pola familia e os amigos, amor por todos os pobos", sinalou.

A mensaxe, dirixida ao continente americano e na que participaron representantes da Igrexa católica de varios países, forma parte da campaña global De ti depende, das ONG Ad Council e COVID Collaborativ.

"Déronnos esperanzas de acabar coa pandemia, mais só se [as vacinas] están ao alcance de todos e se traballamos xuntos", agregou na mensaxe de vídeo.

Comentarios