A OMS pide unha moratoria na terceira dose e repartir mellor as vacinas

Só 2% dos habitantes de África ten a pauta completa.
EuropaPress_3739788_vacunacion_contra_coronavirus_nairobi_kenia
photo_camera Vacinación contra a Covid-19 en Nairobi, Kenya (Foto: Charles Onyango / Xinhua News)

A Organización Mundial da Saúde (OMS) pediu esta cuarta feira, 4 de agosto, unha moratoria global a unha terceira dose das vacinas contra a Covid-19 e que se considere adiar a inoculación dos adolescentes nos países ricos co fin de que haxa doses suficientes para inmunizar polo menos 10% da poboación de cada país e protexer así as persoas que están en maior risco de desenvolver unha enfermidade grave e morrer.

O chamamento chega tras a decisión de Israel e de Alemaña de ofrecer unha dose de reforzo á súa poboación de risco. Tamén o Reino Unido planea facer o mesmo a partir de setembro, e outros países ricos reflexionan sobre a mesma cuestión.

"Entendemos a preocupación dos Gobernos de protexer as súas poboacións da variante delta, mais non podemos aceptar que os países que xa utilizaron a maioría das subministracións da vacinas utilicen aínda máis, mentres que as poboacións máis vulnerábeis do mundo seguen sen protección", sinalou o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus.

Desigualdade, en aumento

De 4.000 millóns de vacinas administradas a nivel global, máis de 80% fórono en países de ingresos altos e medios, que representan en conxunto menos da metade da poboación mundial, precisou, ilustrando así a desigualdade que persiste no acceso a unha das intervencións vitais para deter a pandemia.

En lugar de diminuír cos meses, a desigualdade no acceso ás vacinas está a aumentar, dixeron os expertos da OMS. Mentres Europa ten inoculada máis da metade da súa poboación e EUA perto de 70%, só 2% dos habitantes de África teñen a pauta de completa e só 5% recibiu unha dose.

Novavax na UE

Por outra banda, a Comisión Europea anunciou un acordo con Novavax para adquirir polo menos 200 millóns de doses da súa futura vacina contra a Covid. En virtude deste acordo, os 27 terán acceso a 100 millóns de vacinas a finais deste ano e principios de 2022, mentres que se gardan unha opción de compra para outros 100 millóns de doses até 2023. 

A compra fica no entanto pendente de que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) dea o visto bo á seguridade e efectividade da vacina. O contrato permite doar doses a países de rendas medias e baixas, así como redirixilas a outros países do bloque.

Comentarios