Saúde

A OMS pide información á China: que sabemos da repunta da "pneumonía atípica" que afecta as crianzas?

As autoridades chinesas atribuíron este aumento ao levantamento das restricións pola Covid-19 e á circulación de patóxenos xa coñecidos como a gripe, o Mycoplasma pneumoniae, o virus respiratorio sincitial (VRS) ou o propio SARS-CoV2.
Pacientes nun hospital da cidade chinesa de Fuyang, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pacientes nun hospital da cidade chinesa de Fuyang, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de solicitar oficialmente ás autoridades da China información detallada sobre o aumento recente da prevalencia de enfermidades respiratorias e os casos reportados de pneumonía "atípica" e "descoñecida" en crianzas. Nunha conferencia de prensa decorrida o pasado 13 de novembro de 2023, a Comisión Nacional de Saúde de China xa informara dun aumento na incidencia de enfermidades respiratorias.

As autoridades chinesas, porén, atribuíron este aumento ao levantamento das restricións pola Covid-19 e á circulación de patóxenos xa coñecidos como a gripe, o Mycoplasma pneumoniae -infección bacteriana común causante da pneumonía, que xeralmente afecta os nenos e nenas máis cativas-, o virus respiratorio sincitial (VRS) ou o propio SARS-CoV-2. Ante esta situación, as autoridades salientaron a necesidade de mellorar a vixilancia das enfermidades nos centros de saúde e contornas comunitarias, así como fortalecer a capacidade do sistema de saúde para atender os pacientes.

E esta pasada terza feira, 21 de novembro, os medios de comunicación e ProMED informaron sobre grupos de pneumonía non diagnosticada en menores no norte da China. Mais aínda non está claro se están asociados co aumento xeral de infeccións respiratorias informado anteriormente polas autoridades chinesas ou con eventos separados.

Por iso, a OMS solicitou información epidemiolóxica e clínica adicional, así como resultados de laboratorio destes grupos notificados entre crianzas, a través do mecanismo do Regulamento Sanitario Internacional. Tamén pediu máis información sobre as tendencias recentes na circulación de patógenos coñecidos, incluídos a gripe, o SARS-CoV-2, o VSR ou o Mycoplasma pneumoniae e a carga actual sobre os sistemas de atención médica.

Desde mediados de outubro, o norte de China informou dun aumento de enfermidades similares á gripe en comparanza co mesmo período dos tres anos anteriores. A OMS asegura que China conta con sistemas para capturar información sobre as tendencias da gripe, o virus respiratorio sincitial e SARS-CoV-2, e informes a plataformas como o Sistema Global de Vixilancia e Resposta á gripe.

"Aínda que a OMS busca esta información adicional, recomendamos que as persoas en China sigan medidas para reducir o risco de enfermidades respiratorias, que inclúen a vacinación recomendada; manter distancia coas persoas enfermas; quedar na casa cando está enfermo; facerse probas e recibir atención médica segundo sexa necesario; usar máscaras segundo corresponda; asegurar unha boa ventilación, e lavar as mans de forma regular", advirten nun comunicado.

Polo de agora asautoridades chinesas non ofreceron máis información ao respecto a raíz das consultas da OMS desta mesma semana, se ben é previsíbel que Beijing se pronuncie nas próximas horas.

Comentarios