A OIEA vixiará se o Aukus viola os tratados de armas nucleares

Beijing alerta dunha carreira armamentística, advertencia que tamén lanzaron os Verdes en Australia ao oporse ao investimento que terá que afrontar o país oceánico para implementar os acordos do Aukus.
Rafael Grossi. (Foto: Dean Calma / OIEA)
photo_camera Rafael Grossi. (Foto: Dean Calma / OIEA)

O Organismo Internacional de Enerxía Atómica fíxose eco onte das denuncias chinesas de que a venda de até cinco submarinos de ataque e propulsión nuclear a Australia por parte dos Estados Unidos no contexto do pacto trilateral co Reino Unido Aukus -anunciada a terza feira- violaba o Tratado de Non Proliferación de Armas Nucleares, e asegurou que vixiará que non haxa risco de propagación atómica.

A entidade, encabezada por Rafael Grossi, apuntou que Washington, Londres e Camberra trasladaron que manteñen os seus compromisos ao respecto, mais reclamoulles que implementen garantías no marco do Aukus, un bloque creado en 2021 para tratar de conter Beijing, recoñecen os medios estadounidenses.

O voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores chinés, Wang Wenbin, sostivo que o anuncio da venda amosa que estes países “transitan máis e máis por unha vía errónea e perigosa, pensando nos seus propios intereses e menosprezando a preocupación da comunidade internacional”.

Asemade, afirmou que só servirá para “alimentar unha carreira armamentística” e “danar a paz e a estabilidade rexionais”, despois de que varios Estados do sueste asiático transmitiran as súas dúbidas neste sentido, o que levou Camberra a lanzar onte unha serie de consultas con eses países.

Arredor do entendemento trilateral, o experto militar chinés Song Zhongping subliñou que o investimento requirido en Australia nas vindeiras décadas para aplicar os acordos do Aukus “deixarana cunha pesada carga” que “non protexerá a seguridade de Australia, pero protexerá a hexemonía global dos Estados Unidos, é un erro custoso”, defendeu.

Tamén a prensa australiana cuestionou onte os 340.000 millóns de euros que terá que achegar Camberra no marco do acordo de seguridade, prevendo enfrontamentos políticos para aprobar os orzamentos federais, unha opción que os Verdes xa descartaron por mor de que implicará recortes noutros ámbitos e unha carreira armamentística, incidiron.

Pola súa parte, o ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, afirmou que “estruturas como Aukus e o avance das infraestruturas militares da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) en Asia” demostran que os Estados Unidos “están a apostar seriamente a moitos anos de confrontación”.

En paralelo, os Estados Unidos, o Reino Unido e Australia insisten en que a alianza militar é defensiva, os mesmos termos nos que se refiren á OTAN.

Comentarios