Chanceler chinés: "Se os EUA seguen polo camiño errado, haberá conflito"

Desde Washington declararon que se estabeleceron barreiras para as relacións coa China e que non buscan o conflito.
Qin Gang, durante a súa etapa como embaixador da China en Estados Unidos (Foto: XINHUA / XINHUA NEWS / CONTACTOPHOTO).
photo_camera Qin Gang, durante a súa etapa como embaixador da China en Estados Unidos (Foto: XINHUA / XINHUA NEWS / CONTACTOPHOTO).

O ministro de Asuntos Exteriores chinés, Qin Gang, culpou os Estados Unidos de aumentar as tensións entre Washington e Beijing e afirmou que se a Casa Branca non cambia de rumbo haberá "conflito e confrontación".

"A percepción e as opinións dos EUA sobre a China están gravemente distorsionadas. Considera a China como o seu principal rival e o desafío xeopolítico máis importante [...] o resultado é que a política estadounidense sobre China desviouse por completo da vía racional e sensata", declarou esta terza feira o chanceler durante unha conferencia de prensa que tivo lugar no marco da primeira sesión da XIV Asemblea Popular Nacional en Beijing.

Segundo Qin, que no pasado foi embaixador da China no país norteamericano, EUA afirma que busca superar a China competindo, aínda que en realidade a súa chamada "competencia" significa "conter e suprimir a China en todos os aspectos" e encerrar os dous países nun xogo que non xera beneficios a ningún.

"EUA fala moito de seguir as regras, pero imaxinemos a dous atletas competindo nunha carreira olímpica", comentou. "Se un deles, en lugar de centrarse en dar o mellor de si mesmo, tenta sempre pór a cambadela ou mesmo chocar co outro. Iso non é unha competición xusta, senón un enfrontamento malintencionado e unha falta".

Desde Washington declararon que se estabeleceron barreiras para as relacións coa China e que non buscan o conflito, pero o que isto significa na práctica é que se supón que a China non debe responder con palabras ou accións cando é calumniada ou atacada. "Iso é imposíbel", resaltou Qin.

"Se EUA non pisa o freo e segue acelerando polo camiño equivocado, non haberá barreira que poida evitar o descarrilamento, e seguramente haberá conflito e confrontación", espetou.

Unha "man invisíbel" impulsa a crise

Qin culpou os EUA do empeoramento das relacións, citando en concreto o incidente da derriba do suposto globo espía chinés que sobrevoaba o espazo aéreo estadounidense, así como as tensións ao redor de Taiwán e a crise ucraína. Sinalou que o conflito en Ucraína parece estar a ser impulsado por "unha man invisíbel" que quere que se prolongue e agrave aínda máis, utilizándoo para "servir a certas axendas xeopolíticas".

"A crise ucraína chegou a un punto crítico. Ou cesa o fogo, restabelécese a paz tomando o camiño correcto cara a un acordo político, ou se bota aceite ao lume, a crise recrúase e a situación descontrólase. O que se necesita agora é calma, sensatez e diálogo", indicou o diplomático.

China presentouse como unha forza pacificadora no conflito. Recentemente publicou un plan de paz de 12 puntos que avoga polo respecto a todas as preocupacións lexítimas das partes implicadas en materia de seguridade.

"Unha versión Asia-Pacífico da OTAN"

Desde Beijing aseguran que a estratexia para o Indo-Pacífico de Washington é en realidade un intento de formar unha versión da OTAN na rexión de Asia-Pacífico.

"A estratexia indopacífica dos EUA, aínda que alardea de liberdade e apertura, en realidade está astillando grupos fechados, círculos exclusivos, co pretexto de protexer a seguridade rexional, en realidade está a provocar a confrontación, planeando organizar unha versión Asia-Pacífico da OTAN", declarou Qin.

Así mesmo, o diplomático subliñou que o propósito da estratexia indopacífica é conter a China, o que está "condenado ao fracaso". A rexión Asia-Pacífico debe ser un escenario para a cooperación na cal todos saian gañando, non un taboleiro de xadrez para a confrontación xeopolítica, asegurou.

Comentarios