Como tivo lugar finalmente o afundimento do buque ruso 'Moskva'?

Durante toda a quinta feira, ucraínos, rusos e estadounidenses lanzaron diferentes versións sobre o ocorrido no Mar Negro co buque 'Moskva', que finalmente rematou por afundir cando estaba a ser remolcado, segundo o Ministerio de Defensa ruso.
O buque ruso 'Moskva', afundido nesta quinta feira fronte a Sebastopol. (Foto: TASS)
photo_camera O buque ruso 'Moskva', afundido nesta quinta feira fronte a Sebastopol. (Foto: TASS)

O Ministerio de Defensa de Rusia confirmou na última hora desta quinta feira o afundimento do buque 'Moskva', o máis importante da frota rusa na zona do Mar Negro.

Xa na mañá da quinta feira, o exército ucraíno anunciou que bombardeara un navío con bandeira rusa que se atopaba próximo a Sebastopol, con misiles 'Neptune'.

Aínda que nun primeiro momento, as informacións, chegadas do bando ucraíno, apuntaban que o 'Moskva' resultara afundido debido ao ataque dos ucraínos, o Goberno ruso negou isto, aínda que si recoñeceu o ataque, e explicou que a tripulación fora evacuada por precaución a outras embarcacións da frota rusa no mar Negro.

Pouco despois, o portavoz do Departamento de Defensa dos Estados Unidos, John Kirby, confirmou a versión rusa, e detallou que o navío podía chegar ao porto de Sebastopol para intentar ser arranxado.

Incendio e afundimento

Segundo detalla o Ministerio de Defensa ruso, pouco despois de producirse as primeiras detonacións, orixinouse un incendio que afectou os instrumentos de manexo do navío. 

Isto obrigou a que o 'Moskva' tivese que ser remolcado por outro buque, que o intentou aportar en Sebastopol. 

Porén, e segundo a versión rusa, "durante o remolque do cruceiro ao porto de destino, o barco perdeu a súa estabilidade debido aos danos no casco recibidos durante o incendio pola detonación de municións. En condicións de mar tormentoso, o barco afundiu".

Comentarios