A ONU alerta da recrudescencia dos ataques no Donbass: "Os civís non teñen acceso a subministros vitais"

Nacións Unidas di estar "fondamente preocupada" polos "intensos combates e ataques aéreos" en Luhansk e Donetsk, tanto nas zonas controladas polo Goberno ucraíno como nas que están baixo dominio das repúblicas populares do Donbass.
A cidade de Mariupol, no óblast de Donetsk, é un dos lugares máis afectados pola guerra. (Foto: Victor / Xinhua News)
photo_camera A cidade de Mariupol, no óblast de Donetsk, é un dos lugares máis afectados pola guerra. (Foto: V Ictor / Xinhua News / ContactoPhoto)

O portavoz da secretaría xeral da ONU, Stéphane Dujarric, vén de alertar da "fonda preocupación" das Nacións Unidas pola "difícil situación dos civís" tras a intensificación das hostilidades na rexión do Donbass, así como nas provincias de Khersonsk, Karkivsk e Dnipropetrovsk.

Nunha rolda de prensa, Dujarric salientou os "intensos combates e ataques aéreos" no óblast de Luhansk que afectaron zonas residenciais, tanto en zonas controladas polo Goberno ucraíno como nas que se atopan baixo dominio da República Popular de Luhansk, cuxa lexitimidade recoñeceu Rusia o pasado febreiro.

"A infraestrutura crítica de auga, electricidade e gas e as instalacións de saúde foron destruídas, o que deixou os civís sen acceso a servizos e subministros vitais", apuntou.

En Sieverodonetsk, dixo, a ONU ten constancia de "zonas residenciais e instalacións educativas afectadas" polos enfrontamentos armados.

"En Donetsk recibimos informes inquietantes de civís asasinados en áreas que experimentan crecentes hostilidades, incluídas persoas que fuxiran previamente da cidade asediada de Mariupol", asegurou, se ben matizou que "os problemas de acceso impediron que a ONU verifique estes informes".

O Alto Comisionado para os Dereitos Humanos da ONU rexistrou 4.335 baixas civís en Ucraína desde o 24 de febreiro, incluídas, cando menos, 1.842 persoas falecidas.

Porén, Dujarric advertiu que é "probábel" que o número real de mortes de civís sexa moito maior, xa que estas cifras non inclúen as "persoas mortas en áreas que experimentan hostilidades intensas e sostidas no tempo".

Ao mesmo tempo, subliñou que dous millóns de persoas recibiron paquetes de alimentos e perto dun millón obtiveron asistencia sanitaria.

Comentarios