Novas complicacións empeoran o estado de saúde de Chávez

O vice-presidente venezolano, Nicolás Maduro, comunicou ao pobo de Venezuela a través dunha comparecencia de imprensa que o presidente Hugo Chávez está a sufrir "novas complicacións" após ser intervido en Cuba do cancro que padece desde o pasado ano. Aliás asegurou que o proceso de recuperación do líder bolivariano "non está exento de riscos".
Nicolás Maduro
photo_camera Nicolás Maduro na Habana

"O goberno da República bolivariana de Venezuela cumpre co deber de informar ao pobo venezolano sobre a evolución clínica do presidente Hugo Chávez", deste xeito, comeza o comunicado feito público este domingo (30 de decembro) polo vice-presidente Nicolás Maduro, ao que deu lectura desde A Habana, cidade en que se atopa o comandante Hugo Chávez após ser intervido o pasado día 11 de decembro. Malia as críticas da oposición e de diversas cabeceiras da imprensa do país --e mesmo de fóra das súas fronteiras, o executivo venezolano informou máis unha vez sobre o estado de saúde do seu presidente e asegurou que durante o post-operatorio, o líder bolivariano está a sufrir "novas complicacións" verbo da infección respiratoria que lle foi diagnosticada hai unhas semanas.

Neste senso, e após confirmar que se reunira co propio presidente, Nicolás Maduro confirmou o empeoramento do estado de saúde do presidente despois de de ser operado hai dezanove días, asemade, salientou que o proceso de recuperación "non está exento de riscos" malia que "a súa forza física e espiritual" está a axudar ao comandante e presidente a superar "esta difícil situación", acrecentou Maduro.

Hugo Chávez, que xa enviara unha saúda oficial ás forzas armadas a pasada sexta feira (28 de decembro) quixo transmitir a través do vice-presidente da República un saúdo de fin de ano "a todas as familias venezolanas" e especialmente "ás crianzas de Venezuela". Así mesmo, Nicolás Maduro indicou que os desexos expresados por Chávez para o vindeiro 2013 son "a consolidación da independencia da Patria e a unión nacional", nun dos momentos de maior complexidade política no país.

Comentarios