"Esta noite desaparecerá toda unha civilización, para non volver xamais": Trump ameaza cunha agresión sen precedentes contra Irán
Donald Trump, o presidente dos Estados Unidos, realizou esta terza feira a máis dura das súas continuas ameazas contra Irán, horas antes da expiración do seu ultimato ao país persa para que reabra por completo o estreito de Ormuz, ás 20 horas do horario do leste dos EUA (ás 2 horas desta cuarta feira polo fuso galego).
"Esta noite desaparecerá toda unha civilización, para non volver xamais. Non quero que iso suceda, mais probabelmente sucederá", manifestou. Segundo o mandatario, no Irán produciuse un cambio "completo e total, no que prevalecen mentes diferentes", polo que pode "ocorrer algo revolucionariamente marabilloso". "Quen sabe? Descubrirémolo esta noite, un dos momentos máis importantes na longa e complexa historia do mundo", dixo Trump.
Pouco despois, Irán cortou todas as comunicacións directas cos EUA e informou Paquistán de que non participará xa nas conversacións para acabar coas hostilidades, informou The New York Times citando tres persoas familiarizadas co asunto. Pola súa parte, The Wall Street Journal, citando funcionarios de Oriente Medio, confirmou que o país persa interrompeu todos os contactos diplomáticos con Washington, precisando que este paso se debe ás novas ameazas de Trump".
A continuación, o presidente dos EUA dixo que, se lograban chegar a "algo concreto" nas conversas bilaterais, o escenario "podería cambiar", segundo informou un presentador de Fox News que falou por teléfono co mandatario. Pola contra, manifestou Trump nesa chamada, Irán enfrontarase a un ataque "como nunca viron" se non avanzan as negociacións.
Nesta liña, Axios reafirmou que o líder estadounidense podería aprazar o ataque contra a infraestrutura iraniana, particularmente contra pontes e plantas eléctricas, se percibe sinais reais dun acordo.
Previamente, a Garda Revolucionaria iraniana fixo a súa propia advertencia ao Exército dos EUA para que non cruce "as liñas vermellas". En caso contrario, o organismo, citado por Fars, aseverou que a súa "resposta irá máis aló da rexión", avisando así de ataques máis alá de Oriente Medio. Neste sentido, Irán xa demostrou que posúe mísiles cun alcance de até 4.000 quilómetros.
Ademais, afirmou que as forzas do país persa actuarían contra a infraestrutura dos Estados Unidos e dos seus socios en Oriente Medio de tal maneira que estes quedarían "privados do petróleo e do gas da rexión durante anos".
Pola súa parte, Mohammad Reza Aref, asesor do presidente iraniano, Masud Pezeshkian, lembrou ao presidente dos EUA que Irán pertence a "unha civilización que sobreviviu séculos de axitación e delirios de quen lle desexa o mal". O país persa, segundo acrecentou, "non se deixará dobregar pola retórica primitiva de Trump". Desta forma, asegurou que responderán "as barbaridades do inimigo".
Mentres, o representante do Irán ante as Nacións Unidas (ONU), Amir Said Iravani, rexeitou esta terza feira un cesamento do fogo ao entender que "só serviría [aos agresores] para rearmarse e prepararse para seguir cometendo crimes".
Rusia e China na ONU
China e Rusia reafirmáronse esta terza feira na súa negativa a situar Irán como culpábel da situación no estreito de Ormuz, ao entender estes países que son os Estados Unidos e Israel quen provocaron a crise enerxética mundial coa súa agresión ilegal contra o país persa.
Deste modo, Beijing e Moscova vetaron unha resolución do Consello de Seguridade da ONU. O texto, que non saíu adiante, "insta encarecidamente os Estados interesados no uso de rutas marítimas comerciais no estreito de Ormuz a coordinar esforzos, de carácter defensivo e acordes coas circunstancias, para contribuír a garantir a seguridade da navegación a través do estreito de Ormuz". Para Rusia e China, o voto favorábel ou a abstención supuña unha lexitimación de accións militares no golfo Pérsico.
Bahrain, propoñente da resolución, recoñeceu nun comunicado que a súa aprobación debería implicar a disuasión dos intentos de fechar, obstruír ou interferir a navegación internacional a través do estreito, extremo que non resulta aceptábel para Moscova e Beijing. Neste sentido, o embaixador de Rusia ante a ONU, Vassily Nebenzia, así como o da China, Fu Cong, culparon Estados Unidos e Israel de iniciar a guerra e desencadear unha crecente crise mundial, rexeitando pór a culpa en Tehran.
A resolución foi revisada por Bahrain para intentar conseguir que saíse adiante. A primeira versión contiña referencias a accións ofensivas para asegurar o tránsito no estreito de Ormuz, un extremo ao que tamén se negou Francia.
Israel xa iniciou a escalada
Neste contexto, por moito que Trump poida dicir estar disposto a evitar atacar pontes ou centrais enerxéticas en Irán de chegar a un acordo, esta é unha escalada que xa iniciou Israel, que confirmou esta terza feira os seus ataques contra oito pontes en distintos puntos de Irán, incluíndo a capital Tehran.
O propio primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, confirmou os ataques máis recentes contra "vías férreas e pontes". De feito, moitas horas antes de acabar o ultimato de Trump, o Exército israelí advertiu a poboación iraniana contra usar os trens ou achegarse á infraestrutura ferroviaria. Nestes ataques, dúas persoas morreron nun bombardeo contra unha ponte ferroviaria.
A escalada non quedou aí, pois Israel reivindicou esta terza feira un novo bombardeo contra unha instalación petroquímica do Irán. Ademais, unha sinagoga situada en Tehran sufriu tamén importantes danos nas últimas horas tras unha nova agresión das forzas israelís.
Estados Unidos nega que vaia usar nucleares contra Tehran
Os Estados Unidos desmentiron esta terza feira as especulacións sobre un posíbel emprego de armas nucleares no Irán. Asumindo que din a verdade, e que tampouco Israel acudirá ao seu arsenal atómico, as opcións de escalada para os países agresores son cada vez menores, ou basicamente dúas, ben aumentar os seus ataques sobre infraestrutura civil como pontes e centrais eléctricas aínda máis ou ben enviar tropas sobre o terreo.
Cadeas humanas
Ante as ameazas do inimigo de agredir pontes e centrais nucleares, a poboación iraniana concentrouse nas infraestruturas para amosar o seu rexeitamento. "Unirémonos da man xunto a centrais eléctricas de todo o país, membros de todas as crenzas e ideas, para dicir que atacar a infraestrutura pública supón un crime de guerra", apuntou Alireza Rahimi, viceministro de Deportes e Mocidade. Ademais, o Goberno iraniano repartiu iodo entre a cidadanía ante un posíbel ataque contra a central nuclear de Bushehr.
As illas, no foco
Ademais, ante a posibilidade de que Trump envíe tropas ao terreo no Irán, os principais puntos nos que o país persa centra a súa defensa son illas do golfo Pérsico. Kharg, ao norte do golfo, é a illa na que Irán ten a maior terminal para a exportación de cru. Qeshm supón o principal punto de control do estreito de Ormuz, mais é demasiado grande para ser tomada facilmente, polo illas como Larak tamén están no foco.



