Negociacións diplomáticas en Istambul entre Washington e Moscova

A UE esgota o seu arsenal polos envíos a Ucraína, recoñece Josep Borrell, ao tempo, Rusia e os Estados Unidos negocian en Turquía, coa guerra de Ucraína -oficialmente- fóra dos temas de conversa.
Volodimir Zelenski, en rolda de prensa. (Foto: Alexander Rozhenyuk / Ukrainian Pr / DPA)
photo_camera Volodimir Zelenski, a sexta feira. (Foto: Alexander Rozhenyuk / Ukrainian Pr / DPA)

Autoridades diplomáticas dos Estados Unidos e Rusia desenvolven conversas en Istambul (Turquía) arredor de cuestións “irritantes”, desvelou a sexta feira Tass. Sen mencionar a guerra en Ucraína como un dos temas das negociacións, a axencia apunta que a xuntanza abordou “problemas de visados, persoal diplomático e funcionamento institucional”.

A pesar diso, as fontes citadas indican que os “estadounidenses non queren discutir ningún tema significativo”. Paralelamente, o viceministro de Asuntos Exteriores de Rusia, Sergei Ryabkov, destacou que os “pronunciamentos de Washington non poden ser tomados en serio”, en referencia a declaracións de funcionarios americanos sobre a eliminación dalgunhas das sancións unilaterais impostas a Rusia.

Esta xuntanza chega un día despois de que ambos os dous países acordaran un intercambio de prisioneiros, Viktor But e Brittney Griner. Aínda así, non supón un achegamento, confirmou o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, que resolveu que “as relacións bilaterais seguen a ser malas”.

A UE acaba coas reservas de armas

Pola súa parte, o Alto representante da Unión Europea (UE) para Política Exterior, Josep Borrell, recoñeceu que os envíos de armas a Ucraína dos Estados membros (por valor de 8.000 millóns de euros) esgotaron os arsenais do bloque comunitario, o que achacou a “anos de investimento insuficiente”.

Borrell asegurou que o conflito amosou que a UE non ten capacidade para protexer a súa fronteira, mentres que Euronews, financiado por Bruxelas, salienta que a UE “depende dos Estados Unidos para garantir a seguridade no continente, baixo o paraugas da alianza militar da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN)”.

Estas declaracións chegaron despois de facerse públicas as estatísticas oficiais que corroboran que 2021 foi o ano cun maior investimento militar na UE, con 214.000 millóns de euros. Amais, a OTAN defende que hai que incrementalo máis aló de 2% do produto interior bruto.

Despois de enviar armas por valor de máis de 30.000 millóns de euros ao Goberno ucraíno dirixido por Volodimir Zelenski, os principais produtores tardarán anos en repor os arsenais da OTAN, indica o Instituto Internacional de Estocolmo para a Investigación pola Paz, entrementres, fontes das compañías cifran entre 10 e 15 anos o tempo requirido para volver aos niveis previos á invasión rusa.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios