Néganse a imputar os altos mandos da Policía polo 1-O

Malia que recoñece a extralimitación no uso da forza e violencia "innecesaria e desproporcionada" na represión policial ao referendo de autodeterminación de Catalunya o 1 de outubro de 2017, a Audiencia de Barcelona desbota imputar os altos mandos policiais por unha operación que deixou 991 persoas feridas. 
Manifestación en Barcelona en 2018 para pedir a liberación das presas e presos políticos cataláns. (Foto: Ómnium Cultural)
photo_camera Manifestación en Barcelona en 2018 para pedir a liberación das presas e presos políticos cataláns. (Foto: Ómnium Cultural)

A Audiencia de Barcelona rexeitou continuar investigando os altos mandos policiais polas cargas en Catalunya o 1 de outubro de 2017, durante o referendo de autodeterminación que se desenvolveu ese día e que deixou 991 persoas feridas a mans da Policía, unha cuarta parte con traumatismos na cabeza  e unha persoa que perdeu un ollo despois do disparo dunha pelota de foam, segundo datos do Departament de Salut da Generalitat de Catalunya corroborados por investigacións posteriores.

O tribunal recoñece no auto, publicado por medios estatais, que “houbo casos de extralimitación da forza por axentes policiais, de uso de violencia innecesaria e desproporcionada”, mais resolven que se ten que valorar “en cada colexio electoral e en cada caso” e atribúen a responsabilidade á xefatura operatividade cada grupo policial. 

Na resolución expoñen de modo explícito a súa posición favorábel a non converter o caso nunha “especie de causa xeral contra a totalidade dos axentes” que interviñeron o 1 de outubro.

En consecuencia desestima a apelación de 10 acusacións e particulares que recorreran contra a primeira decisión do Xulgado de Instrución número 7, que se negara a investigalos en abril de 2020.

A pesar dos resultados da actuación policial, a Audiencia provincial exonera o xefe superior de Policía en Catalunya, o xefe da brigada provincial de información, o comisario da unidade central de información, os xefes de grupo e o xefe do dispositivo de antidisturbios ao considerar que non existía “un operativo policial deseñado expresamente para impedir o exercicio de dereitos, máis alá do feito de votar”.

Tamén destaca que non ordenaron actuar “con contundencia ou usar unha maior violencia que a imprescindíbel”.

Para manter esta argumentación, sosteñen que non se pediu a imputación do secretario de Estado de Seguridade, quen elaborou un operativo onde incluía 6.500 policías, e que a instrución xudicial para parar o referendo implicaba “o uso mínimo da forza” e só pedía a retirada das urnas “se se xerase algún risco”.

Comentarios