mércores 15.07.2020

O narcotráfico tamén sofre polo coronavirus

Tanto a produción como a distribución víronse afectadas polas restricións na mobilidade, segundo a Oficina da ONU contra a Droga e o Crime.
As drogas que viaxan por rutas aéreas son as máis afectadas (un.org)
As drogas que viaxan por rutas aéreas son as máis afectadas (un.org)

A pandemia de coronavirus e a limitación de movementos que levou asociada na maioría dos países complicou tamén a produción e o tráfico de drogas a nivel mundial, segundo un informe das Nacións Unidas que constata especialmente os efectos que tiveron as restricións no contrabando por vía aérea.

A Oficina da ONU contra a Droga e o Crime (UNODC) examinou os efectos dos novos controis no narcotráfico, en particular para aquelas drogas que viaxan entre continentes. Este sería o caso das drogas sintéticas, como as metanfetaminas, que previsibelmente sufrirían de forma "drástica" as restricións ao tráfico aéreo.

A cocaína, en cambio, circula principalmente por mar e, segundo a UNODC, seguíronse rexistrando grandes cargamentos durante a pandemia. As rutas marítimas tamén estarían repuntando no caso da heroína, para as que os traficantes viñan utilizando principalmente vías terrestres.

Os expertos non prevén que o cannabis se vexa afectado na mesma medida, dado que "a súa produción adoita ter lugar perto dos mercados de consumo", din.

Segundo a ONU, varios países xa detectaron unha redución da venda de drogas a pequena escala, o que afectaría principalmente o consumo con fins recreativos. Preocupa, non obstante, un posíbel cambio entre os consumidores de heroína, que poderían derivar noutros produtos máis fortes como o fentanil e os seus derivados.

A ONU detectou, ademais, un aumento do consumo de produtos farmacéuticos como benzodiazepinas, que nalgúns casos viron duplicado o seu prezo, e na menor dispoñibilidade de produtos utilizados no caso de drogas inxectadas, algo que podería derivar no uso compartido de xeringas.

Colleitas afectadas

A UNODC prevé que a próxima colleita de opio no Afganistán, entre marzo e xuño, tamén se vexa afectada pola escaseza de man de obra, dado que os potenciais xornaleiros poderían non poder ou non querer desprazarse ás áreas de cultivo polo  coronavirus.

En Colombia, a produción de cocaína estase a ver prexudicada pola falta de combustíbel, mentres que en México a fabricación de drogas sintéticas foi a menos pola escaseza de precursores químicos do sueste asiático.

En Bolivia, a pandemia está a limitar a capacidade das autoridades para controlar o cultivo da coca. Isto, di a UNODC podería derivar nun aumento da produción. No caso do Perú, pola contra, os expertos estiman que a caída de prezos podería desalentar a produción.

Todo iso, porén, pode variar a medio e longo prazo. "A inminente crise económica pode levar a máis agricultores a se pasaren ao cultivo da coca nos principais países produtores de cocaína", apunta o informe.

comentarios