As Nacións Unidas reprenden España pola lei mordaza

Máis de cen Estados participantes no Exame Periódico Universal da ONU, encargado de avaliar o cumprimento dos Dereitos Humanos, reprenderon onte o Estado español. 
 
Sede das Nacións Unidas en Xenebra (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Sede das Nacións Unidas en Xenebra (Imaxe: Nós Diario)

A Lei de seguridade cidadá, coñecida como a lei mordaza, as agresións policiais, a violencia machista, as políticas migratorias e as devolucións irregulares de persoas que chegan a España, así como a situación das e dos menores de idade non acompañados ou a xenofobia foron os temas máis repetidos nas intervencións que analizaron a situación de España respecto aos Dereitos Humanos no Exame Periódico Universal da ONU. 

O secretario de Estado de Asuntos Exteriores, Fernando Martín-Valenzuela, encabezou a delegación española que onte se someteu en Xenebra ao exame que a ONU realiza a todos os seus membros cada cinco anos. Valenzuela chegou a defender que a Lei de seguridade cidadá, aprobada en 2015 baixo o Goberno de Mariano Raxoi, "non restrinxe a liberdade de expresión" e que "busca salvagardar o dereito de reunión regulando a intervención das autoridades cando a reunión perde o carácter pacífico". 

Venezuela foi o único Estado que se referiu de maneira explícita á situación en Catalunya e reclamou ao novo Goberno de coalición español que inicie "un diálogo construtivo co pobo catalán e coas súas institucións". 

Comentarios