As nacións galas, patios de recreo de ricos

Francia vota mañá na primeira volta das eleccións rexionais, con diversos temas para os diferentes territorios. Porén, nos lugares elixidos por moitos franceses para as vacacións, como a Bretaña, Córsega ou o País Vasco, os seus habitantes comparten unha crecente preocupación: a imposibilidade económica de residir no seu propio país.
biarritz_bamtaldea
photo_camera Acto aos pé do faro de Biarritz co lema "Non se vende", para denunciar a especulación no País Vasco (BAM taldea)

"Un estatuto de residencia". Iso é o que propoñen desde Bretagne Avenir, a lista que se presenta ás eleccións que mañá se desenvolven na Bretaña e no resto das rexións en que se divide Francia. O obxectivo, loitar contra a especulación inmobiliaria reservando o dereito de compra de vivendas ás persoas que residisen durante polo menos un ano no país.

"Desde o inicio da crise sanitaria, o atractivo de Bretaña aumentou e os prezos das propiedades están a medrar en todas partes", explican na súa web. "Cada vez en máis sitios, estase a volver difícil atopar vivenda para familias con ingresos modestos ou mesmo medios, debido ás diferenzas de ingresos entre a maioría dos residentes permanentes e os compradores de segundas vivendas", sinalan.

Segundo o Instituto Nacional de Estadística e de Estudios Económicos (INSEE, nas siglas en francés), algo máis de 13% das vivendas son segundas residencias, por riba da media estatal (9%). Porén, en localidades da costa a porcentaxe dispárase até 70%.

A proposta de Bretagne Avenir baséase no Manifesto por un estatuto de residencia na Bretaña. O seu autor, Nil Caouissin, sinala citando estudos recentes que "as segundas residencias están ocupadas tres meses ao ano e só 11% dos residentes secundarios considerarían a posibilidade de se estabeleceren de forma permanente".

Isto, argumenta, leva entre outras cousas a "unha poboación cada vez máis envellecida", que "require moitos servizos sociais". "Porén os empregados deste sector están moi mal pagos (ás veces por baixo do salario mínimo interprofesional en salarios reais), e xa que logo non poden vivir preto do lugar de traballo", provocando desprazamentos e gasto en combustíbel innecesarios.

Impacto ambiental

Neste punto incide Bretagne Avenir, lista composta por Os Verdes (EELV), a súa filial bretoa Bretagne Écologie, e a nacionalista Unión Democrática Bretoa (UDB). "A situación é máis que preocupante, tanto social como ecoloxicamente", din, subliñando que "a crecente fenda entre a oferta e a demanda empuxa os bretóns a se asentaren cada vez máis lonxe do seu lugar de traballo, e a construíren cada vez máis vivendas novas en terreos agrícolas ou espazos naturais".

É dicir, ante a imposibilidade de acceder a casas con prezos que van dos 4.000 aos 8.000 euros o metro cadrado, foméntase a construción de vivenda nova que ten un forte impacto ambiental e paisaxístico. Estas últimas, principalmente para as persoas que viven e traballan todo o ano na Bretaña; as primeiras, adquiridas por foráneos e grandes fondos, baleiras durante tres cuartas partes do ano. Unha situación que segundo Bretagne Avenir se agravou coa aparición de Airbnb.

Proposta de Corsica Libera

O estatuto de residente, que pretende reducir o número de segundas vivendas, frear a especulación inmobiliaria e loitar contra a suba de prezos na Bretaña, tamén se reclama noutros territorios de Francia que mañá van ás urnas (o 27 de xuño será a segunda volta). Foi o partido independentista corso Corsica Libera quen primeiro propuxo esta idea do "estatuto de residencia".

De acordo cos datos do INSEE, en 2020 había 72.000 segundas vivendas en Córsega (case 30% do parque de vivendas da rexión), e 34% destas estaban situadas a menos de 500 metros da costa, cunha media de ocupación de menos dun mes ao ano. Ademais, só unha de cada tres é propiedade dun residente corso. 

Nesta illa do Mediterráneo tamén se produciu unha compra de terreos por parte de grandes fondos e sacrificáronse moitos espazos verdes para a construción de novas vivendas, cun aumento do valor dos terreos de 134% en só dez anos.

Porén, a proposta do "estatuto de residencia" foi rexeitada desde París. O presidente francés, Emmanuel Macron, cualificouna de "contraria á nosa Constitución" en 2018, na liña do manifestado previamente polo seu antecesor, o socialista François Hollande.

Tamén do PS, o presidente do Consello Rexional da Bretaña, Loïg Chesnais-Girard ─que busca a reelección─, cualificou a proposta de Bretagne Avenir de "perigosa, ineficaz e contraria á nosa tradición de acollida" e que "complica as cousas para quen quixer estabelecerse aquí".

Mais desde a coalición aseguran que "non se trata de fechar a porta a quen queira vir ou volver vivir na Bretaña", que foi "unha terra de emigración durante demasiado tempo" e que "aínda o é para os mozos traballadores". "A instalación de novos habitantes é unha oportunidade sempre que sexan futuros residentes permanentes e que logremos organizar a recepción de forma sustentábel tanto ecolóxica como socialmente. Este é o tema central", sosteñen.

"Ez da salgai"

Tamén no Iparralde, a rexión vasca baixo soberanía francesa, nos últimos meses rexurdiu a campaña "Le Pays basque n’est pas à vendre" ("O País Vasco non está en venda"), con actos de protesta e pintadas e adhesivos nos vidros dos escaparates das inmobiliarias.   

Oposición que durante os primeiros anos deste século tivo un compoñente violento, coa colocación de artefactos explosivos artesanais contra axencias inmobiliarias, residencias estivais e outros obxectivos turísticos.

En maio pasado, os activistas despregaron unha pancarta aos pés do faro de Biarritz coa mensaxe "Ez da salgai" ("Non se vende"), para denunciar a especulación inmobiliaria no País Vasco. E horas despois unha axencia inmobiliaria en Hiriburu apareceu cuberta con pintadas.

Tamén a finais de abril, o sindicato ELB e a asociación ambientalista Lurzaindia levaron a cabo unha protesta a propósito da venda dunha finca e dunha casa en Bastida. Do prezo inicial de 300.000 euros en 2019 pasou aos 535.000 euros actuais, un aumento de 78% en só dous anos. 

Situación simbólica que explica entre outras cousas a emigración da mocidade e o abandono dos labores agrícolas. "O País Vasco non é un patio de recreo para ricos!", foi un dos lemas en Bastida.

Anticipo do combate entre Macron e Le Pen

A dez meses das presidenciais de 2022, Francia vota mañá para elixir conselleiros rexionais e departamentais. Os comicios estaban previstos inicialmente para o mes de marzo, mais a Covid obrigou a adialos. Será a última convocatoria ás urnas antes da intensa contenda presidencial de abril próximo e servirá para tomar a temperatura, como enquisa real, das posibilidades de reelección e dos seus rivais políticos. As análises políticas apuntan que a ultradereitista Marie Le Pen, líder de Reagrupación Nacional, terá opcións reais o ano que vén.

Comentarios