O mundo desángrase polos conflitos armados en 2021

Edificio danado despois dun bombardeo en Saná (Iemen) do Exército de Arabia Saudita. (Foto: Hani Al-Ansi / dpa)
A pandemia de Covid-19 non evita que arredor de 60 países manteñan vivos conflitos armados, algúns deles sufriron os seus peores días en 2021. 

Case un terzo dos 193 Estados que compoñen a Organización das Nacións Unidas (ONU) teñen algunha clase de conflito armado en marcha no seu territorio, a entidade identifica até 63 países con necesidades de axuda humanitaria, imprescindíbel para a supervivencia de 274 millóns de persoas en 2022.

Ningunha destas guerras comezou ao longo deste ano, porén, tampouco se prevé que a curto prazo sexa posíbel pór fin a ningunha delas, algunhas, como acontece no caso do Baluchistán, esténdense máis de seis décadas.

Afganistán

O país asiático centrou boa parte da atención mediática durante o verán, ao anuncio da retirada das tropas dos Estados Unidos (EUA), que lideraran a invasión do país en 2001 na que os talibán foran derrocados, sucedeulle a conquista do débil Estado creado polos estranxeiros, que en poucas semanas voltou a mans dos xihadistas.

O 15 de agosto, antes incluso da retirada definitiva dos EUA, os talibán entraron en Kabul, a capital, comezando coa persecución dos colaboradores das forzas invasoras e impulsando unha nova lexislación especialmente restritiva en contra das mulleres, criticada até por Paquistán, o seu principal aliado.

Non obstante, os combates continúan na provincia de Panshir, onde se asenta a denominada Fronte de Resistencia Nacional, liderada polo ex vicepresidente afgán, Amrullah Saleh.

Baluchistán

A rexión de Paquistán na fronteira tripartita que comparte con Afganistán e Irán protagoniza desde a independencia do país en 1947, con lindes paquistanís e indios marcados polo Reino Unido, a loita pola autodeterminación do pobo baluchi.

Máis de 500 persoas faleceron este ano a raíz dos combates que principalmente enfrontan as Forzas Armadas de Paquistán co Exército de Liberación de Baluchistán, mais que tamén afecta  Irán, onde vive parte do pobo. A pesar dos recursos cos que conta (gas natural, ouro, cobre, petróleo e uranio) mantense como unha das zonas máis empobrecidas dos dous Estados.

Ao norte de Paquistán e a India tamén permanece activo o conflito en Cachemira, que loita pola súa autodeterminación.

Etiopía

O país africano atópase no peor conflito desde 1991. O empeño do presidente Abiy Ahmed por tomar a rexión de Tigrai (na fronteira con Eritrea) a finais de 2020 e acabar coa influencia da Fronte Popular para a Liberación de Tigrai (TPLF) na política federal, derivou nunha guerra civil aberta na que após os primeiros triunfos das Forzas Armadas, os tigriñas foron quen de recuperar a meirande parte do seu territorio entre xuño e xullo.

Amais, trataron de acabar con Abiy dirixíndose cara á capital, Adís Abeba, en coalición con outras forzas armadas, ataque que foi finalmente repelido polo Goberno federal despois de declarar en novembro a emerxencia en todo o país e reclamar á poboación que se sumara ao Exército.

A situación deixa nove millóns de persoas en risco de fame e acusacións de limpeza étnica do pobo tigriña por parte de Abiy, que anunciou que polo de agora non voltarán a entrar en Tigrai.

O Iemen

O país de Asia Occidental sufre a peor catástrofe humanitaria do planeta, a ONU salienta que 24 dos 29 millóns de habitantes do territorio precisa asistencia humanitaria, deses, 16,2 millóns están en condicións de fame extrema.

O conflito comezou en 2014 coa toma da capital, Saná, por parte do movemento huti, despois do intento do presidente Abdrabbuh Mansur Hadi de prolongar durante un ano máis o seu mandato.

Para devolver o seu aliado ao poder, Arabia Saudita lidera unha coalición militar que, coa axuda de mercenarios, busca derrotar os hutis, apoiados á súa vez por Irán. A pesar dos constantes bombardeos e das vítimas civís provocadas polos sauditas, os hutis continúan avanzando e tomaron hai uns días a gobernación de Marib, no centro do país.

África central e occidental

O xihadismo é o principal motor bélico no centro e occidente do continente africano, un conflito presente en Alxeria, Chad, Malí, Burkina Faso, Níxer, Tunisia, a República Democrática do Congo, Uganda, Nixeria, Somalia ou Camerún.

A cabeza destes movementos atópanse Al Qaeda e Estado Islámico, aos que están afiliados a meirande parte dos grupos armados na zona, como Boko Haram, o Grupo Salafista para a Prédica e o Combate, Al-Shabaab ou as Forzas Aliadas Democráticas no Congo.

Resto do mundo

Amais dos referidos, outros conflitos armados están a desenvolverse nestes intres no planeta, como é o caso da loita do pobo kurdo, repartido sobre todo entre os Estados de Turquía, Irán, Iraq e Siria.

Neste último territorio, a guerra civil diminuíu a súa intensidade ao recuperar o Goberno de Bashar al-Assad a maioría do territorio, porén, países como Turquía e Israel seguen intervindo no conflito apoiando as forzas xihadistas en contra do Executivo recoñecido internacionalmente.

Tamén no Sáhara Occidental continúan os combates despois da ruptura do alto o fogo con Marrocos en 2020.

E outro tanto acontece en Palestina, que soportou en maio unha xeira de ataques de Israel con milleiros de feridos e aproximadamente 250 mortos, tras as protestas para evitar que os palestinos foran desaloxados de Xerusalén leste, ocupado polos israelís.