A guerra en Etiopía fai un ano mentres as forzas tigriñas se dirixen á capital

7 millóns de persoas en risco de fame por mor do conflito entre Tigrai e Etiopía. Malia ser derrotadas nos primeiros meses da guerra, as forzas tigriñas foron quen de recuperar o control da rexión e avanzan cara a Adís Abeba.
Mapa de Etiopía coas posicións que dominan os principais actores no conflito armado.
photo_camera Mapa de Etiopía coas posicións que dominan os principais actores no conflito armado. (Infografía: Nós Diario)

Hai un ano, o presidente de Etiopía Abiy Ahmed ordenou lanzar unha ofensiva militar en contra da rexión de Tigrai, a máis setentrional do Estado, gobernada pola Fronte Popular para a Liberación de Tigrai (TPLF), despois do ataque a unha base militar que Abiy atribúe ás forzas tigriñas, que negan a autoría do asalto.

A pesar de que o rápido progreso das tropas etíopes as levou a tomar Mekelle -capital da rexión- o 28 de novembro de 2020, en colaboración co Exército de Eritrea, as renomeadas Forzas de Defensa de Tigrai (TDF), nas que se incluíu o TPLF, recuperaron a finais de xuño o control da capital e despois de reconquistar a meirande parte do seu territorio avanzan en dirección a Adís Abeba.

A toma o sábado e domingo de Dessie e Kombolcha, que suman 400.000 habitantes, deixa as forzas tigriñas a 365 quilómetros da capital etíope, após introducirse máis de 150 km na veciña rexión de Amhara, como resultado do acordo anunciado a segunda feira co Exército de Liberación Oromo (OLA), tamén enfrontado co Goberno central. O OLA fíxose o domingo con Kemise, unha vila a 325 km de Adís Abeba.

O voceiro do Executivo tigriño, Getachew Reda, afirmou a medios internacionais que “se o Goberno cae, definitivamente teremos un arranxo interno”, ao tempo que facía un chamamento a un diálogo nacional, que, sostivo, Abiy nega, asegurando que terá que responder diante da Xustiza cando remate o conflito.

A perda de terreo das forzas gobernamentais de Etiopía foi respondida con bombardeos a obxectivos civís. Poucos días antes de perder Mekelle, arredor de 60 persoas morreron no ataque aéreo contra un mercado de Togoga, que posteriormente se estenderon por Mekelle, onde o mes pasado foron atacados o mercado e un hotel onde se aloxaba persoal de axencias humanitarias, relata o TDF.

Pola súa banda, o gabinete de Abiy transmitiu a EPA, a axencia estatal etíope, que os bombardeos ían dirixidos a instalacións de comunicación e armas do TPLF en Mekelle. Porén, a ONU denunciou a morte de tres crianzas.

Declaración de emerxencia

A sucesión de vitorias no eido militar do TDF fixeron saltar todas as alarmas no Goberno federal, que declarou a terza feira o estado de emerxencia durante seis meses acompañado dunha solicitude á poboación civil para tomar as armas. Nunha mensaxe pública, o presidente Abiy urxiu a cidadanía a pór “temporalmente os seus asuntos cotiáns en espera, unirse e organizarse para pór todas as armas e os recursos ao servizo da guerra contra o TPLF”.

A nivel internacional, a ONU rexeitou a declaración de emerxencia. “Está en xogo a estabilidade de Etiopía e da rexión”, salientou Stephane Dujarric, voceiro da Secretaría Xeral. Nese sentido, o Alto representante para a Política Exterior da Unión Europea, Josep Borrell, advertiu que a “mobilización masiva do Goberno só arrastrará o país a unha maior guerra civil e desintegración”, mentres que os Estados Unidos eliminaron o acceso sen aranceis de Etiopía a este mercado.

“Extremadamente terríbel”, así cualifica a situación Patrick Youssef, director rexional da Cruz Vermella en África. En declaracións a Al Jazzera, criticou o bloqueo das comunicacións, co que as “condicións humanitarias se agravan aínda máis”.

A ONU denuncia crimes de guerra de ambas as partes

“O conflito en Tigrai estivo marcado pola brutalidade extrema”, asegurou a Alta comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, na presentación dun informe da institución, que alerta do risco de fame que padecen 7 millóns de persoas pola guerra.

No documento, que estuda o acontecido até o 28 de xuño, cando comezou un alto o fogo que non tardou moito en saltar polos aires, recóllense "violacións e abusos".

Comentarios