Os líderes somalís levan o país ao bordo do estoupido dunha nova guerra civil

O intento do mandatario de acabar co primeiro ministro provocou un terremoto en Somalia e a multiplicación das forzas militares presentes 
en Mogadiscio. 
somalia_web
photo_camera Situación actual das distintas entidades que controlan o territorio de Somalia. (Infografía: Verónica Rivadulla / Nós Diario)

A tensa calma instaurada no Executivo federal de Somalia nos últimos meses, cun proceso electoral para elixir o presidente do país adiado desde febreiro, rachou esta fin de semana co intento do actual mandatario, Mohamed Abdullahi ‘Farmajo’, de manterse no poder destituíndo e intentando deter ao primeiro ministro, Mohamed Husein Roble.

Porén, Roble foi quen de reter o control da situación, e onte forzou a Comandancia das Forzas Armadas a despedir a Hassan Aden Dris, xefe da Garda Presidencial, que confesou ter recibido ordes de Farmajo para arrestalo na sede do Goberno, sinala o Mogadiscio Times.

Co apoio de tres dos cinco mandatarios estatais, Farmajo aduciu o domingo  a incapacidade do primeiro ministro para convocar eleccións, apenas uns días despois de que Roble destituíra o Comité de Resolución de Disputas Electorais por “falta de independencia” e antes de mobilizar o Exército na capital para cercar as institucións.

De feito, Roble tivo que ser acompañado pola Misión da Unión Africana en Somalia para acceder ás instalacións, entre denuncias dos medios somalís de que Farmajo está transportando tropas da liña de combate contra Al-Shabbaab en dirección a Mogadiscio.

Na rolda de prensa que ofreceu o primeiro ministro horas despois referiuse a Farmajo como ex presidente, e sostivo que a súa intención é “perturbar o proceso electoral e prolongar o seu control ilegal da Presidencia”.

Roble subliñou que “non recibirá un trato diferente ao do resto de candidaturas electorais", mais perante o intento de golpe de Estado e “as repetidas violacións dos poderes que lle confire a Constitución”, asume o mando das Forzas Armadas.

Amais, as Forzas de Seguridade Nacional de Somalia ameazaron con deter o presidente, advertindo que se hai un derrubamento da institucionalidade farano responsábel, poñéndose ás ordes de Roble, que recibiu o apoio das rexións de Puntlandia e Jubalandia.

Aínda que até o de agora a intensificación da presenza de forzas militares non xerou combates, a división nas estruturas de Goberno somalí entre partidarios do presidente e do primeiro ministro manteñen a zona en tensión.

Reacción internacional

Ao tempo que se desenvolvía a situación, a Misión de Asistencia de Nacións Unidas en Somalia expresou a súa “crecente preocupación polas irregularidades de procedemento e as demoras no proceso electoral de Somalia”, e fixo un chamamento a pór en marcha os comicios para procurar unha estabilización no país.

Aliás, reclamou ás autoridades somalís que “poñan os intereses do país en primeiro lugar, reduzan as crecentes tensións políticas e eviten provocar ou utilizar a forza e socavar a paz”.

A cuestión electoral

A orixe desta problemática nace nos últimos meses de 2020. En setembro, Farmajo acorda cos líderes federais unha elección cun procedemento semellante ao de 2016, no que os anciáns de cada clan elixen un parlamento que despois se encarga de seleccionar un mandatario, o que ergueu a oposición en contra.

A confirmación de que non se producirían eleccións presidenciais, e o intento de Farmajo por estender co apoio do Parlamento o seu mandato, que remataba o 8 de febreiro, provocaron un novo cisma no territorio, provocando que grupos armados se fixeran en abril co dominio do norte da capital.

Todo isto mentres o Estado combate os xihadistas de Al-Shabbaab, afiliados a Al Qaeda; e Somalilandia, no norte do país, confírmase como a zona máis estábel após ser independentes de facto desde 1991, cando comezou no resto de Somalia unha guerra civil que aínda non se pode dar por rematada.

Para estabilizar a situación no país, Farmajo nomeou a Roble como primeiro ministro, co obxectivo principal de encargarse do proceso electoral, non obstante, os desacordos entre os dous foron atrasando paulatinamente a aprobación dun calendario.

Precisamente esta segunda feira, Roble tiña previsto participar na Asemblea Nacional Consultiva para falar cos líderes federais sobre os mecanismos para acelerar a realización de eleccións. 

Comentarios