luns 25/10/21

Panjshir resiste a nova ofensiva talibán

Rotas as conversas, ambos os bandos adxudícanse "importantes baixas".
EuropaPress_3908519_milicianos_taliban_aeropuerto_kabul
Soldados talibán, a pasada terza feira no aeroporto de Kabul (Foto: Saifurahman Safi / Xinhua News)

As forzas talibán e os milicianos leais ao líder local, Ahmad Massoud, mantiveron esta quinta feira novos enfrontamentos armados no val de Panjshir, a única provincia que aínda non controlan os fundamentalistas desde que tomaron Kabul o 15 de agosto.

Ambos os dous bandos afirmaron que conseguiran abater numerosos combatentes inimigos. O portavoz talibán Zabihullah Mujahid informou de que as operacións militares deran comezo "logo de fracasar a negociación co grupo armado local". Engadiu que se internaran na zona e causaran "importantes baixas", segundo informou Al Jazeera. E en declaracións á axencia Sputnik, Mujahid cifrou en 34 os milicianos abatidos polos talibán, entre estes dous comandantes. 

Un representante da Fronte de Resistencia Nacional (FRN, grupo leal a Massoud) manifestou pola súa banda á axencia Reuters que controlaban todos os accesos á rexión e que neutralizaran a ofensiva talibán. "O inimigo fixo múltiples tentativas de entrar en Shotul desde Jabul-Saraj [vila da veciña provincia de Parwan], e fracasou todas as veces".

Máis tarde, na súa conta de Twitter, a FRN indicou que nos últimos catro días de combates na zona provocaran 350 mortos e 287 feridos, ademais da detención de 35 soldados talibán.

As dúas partes cúlpanse ademais do fracaso das negociacións. Os rebeldes avogan por un Estado descentralizado, cun poder compartido entre os diferentes grupos étnicos. Mentres, os talibán prometeron un "Afganistán para todos os afgáns".

Nunha entrevista en Foreign Policy esta semana, Massoud asegurou: "Se os taliban estivesen dispostos a compartir o poder con todo o mundo e a estabelecer xustiza e dar iguais dereitos e liberdade para todos no Afganistán, logo eu deixaría o cargo e abandonaría a política".

O Goberno ruso instou aos talibán a "absterse" de seguir adiante cos combates en Panjshir e mostrou o seu apoio ás supostas negociacións, que tanto os primeiros como a FRN dan por rotas. 

Novo Gabinete

Por outra banda, o novo Gabinete afgán poderíase dar a coñecer nas próximas horas. O dirixente talibán Ahmadullah Muttaqi explicou nas redes sociais que se estaba a preparar a cerimonia no palacio presidencial. Dúas fontes do movemento declararon a AFP que o anuncio podería chegar hoxe tras o rezo de sexta feira (pouco despois do mediodía). 

comentarios