Obituario

Falece aos 88 anos o filósofo Enrique Dussel

Dussel é recoñecido internacionalmente pola corrente da 'Filosofía da liberación'.
O filósofo Enrique Dussel. (Foto: Wikimedia)
photo_camera O filósofo Enrique Dussel. (Foto: Wikimedia)

O filósofo arxentino Enrique Dussel faleceu na tarde deste domingo aos 88 anos de idade en Cidade de México, onde residía. "Moi tristes todos. Hoxe faleceu Enrique Domingo Dussel Ambrosini, esposo, pai, avó, profesor, teólogo, filósofo, historiador, catedrático e pensador crítico. Que descanse en paz", comunicou aos medios o seu fillo, Enrique Dussel Peters.

Para o xornalista e coordinador da sección de Opinión do xornal mexicano La Jornada —no que tamén colaboraba o prestixioso pensador—, Luis Hernández, Dussel foi "o filósofo da liberación" e "un dos máis grandes intelectuais da esquerda de América Latina". Tamén tivo palabras de agradecemento e recoñecemento da súa traxectoria a reitora da Universidad Autónoma de Ciudad de México (UACM), Tania Rodríguez Mora, institución da que Dussel tamén fora reitor no pasado.

Enrique Dussel é recoñecido internacionalmente polos seus amplos estudos e achegas aos campos da Ética, a Filosofía Política, a Filosofía latinoamericana e en particular por ser un dos fundadores da 'Filosofía da liberación', corrente de pensamento da que é un dos principais valedores, sendo tamén un dos iniciadores da 'Teoloxía da liberación'.​ Mantivo diálogo con filósofos reputados como Karl-Otto Apel, Gianni Vattimo, Jürgen Habermas, Richard Rorty, Emmanuel Lévinas e Adela Cortina.

Dussel contribuíu activamente á construción dunha filosofía comprometida socialmente

O seu vasto coñecemento en filosofía, política, historia e relixión, plasmado en máis de 50 libros e máis de 400 artigos —moitos deles traducidos a numerosos idiomas—, convérteo nun dos máis prestixiosos pensadores filosóficos americanos do século XX e que contribuíu activamente á construción dunha filosofía comprometida socialmente, en especial en América Latina. O pensador naceu en Mendoza, Arxentina, o 24 de decembro de 1934, e en 1975 chegou a México exiliado, onde despois obtivo a nacionalidade.

As implicacións da filosofía da liberación maniféstanse sobre todo na maneira de concibir o mundo e na relación obxecto-suxeito, que posibilitan o coñecemento. Nunha das súas obras busca a deconstrución e a desestruturación da historia desde outros paradigmas, para o que detecta sete límites: o helenocentrismo, o occidentalismo, o eurocentrismo, a periodificación, o secularismo, o colonialismo teórico-mental e a non-inclusión da América non anglosaxoa na Modernidade.

Comentarios