As mobilizacións na folga xeral no Ecuador poñen Lasso na corda frouxa

O presidente apenas apareceu desde o comezo das protestas.
Milleiros de persoas chegaron desde a cuarta feira a Quito para protestar contra as políticas gobernamentais no Ecuador. (Foto: uan Diego Montenegro / SOPA Image / DPA)
photo_camera Milleiros de persoas chegaron desde a cuarta feira a Quito para protestar contra as políticas gobernamentais no Ecuador. (Foto: uan Diego Montenegro / SOPA Image / DPA)

O cuarto día do paro xeral indefinido no Ecuador, convocado por máis de 50 organizacións sociais lideradas pola Confederación de Nacionalidades Indíxenas (Conaie), volveu demostrar a fortaleza dos colectivos progresistas, até o punto de que non se descarta unha saída do poder do presidente Guillermo Lasso, nunha situación semellante á da década anterior á chegada ao poder de Rafael Correa en 2007, cando sete mandatarios pasaron polo Palacio de Carondelet, a sede oficial do Executivo.

Até os medios que impulsaron a campaña de Lasso, como La Nación, e defenderon as súas políticas de corte neoliberal, non dubidan en falar de "Estado falido", cuestionando "a posición variábel" do gabinete e a xestión da crise que está a facer, sen ofrecer declaracións públicas desde que anunciou a detención do líder da Conaie, Leonidas Iza, por paralizar servizos públicos.

Nese sentido, un dos principais xornais do país, El Comercio, incidiu en que a "salvación de Lasso" pasa polo diálogo coa confederación indíxena. O problema para el é que o propio Iza, unha vez posto en liberdade provisional no que considerou un "secuestro" do Estado, reiterou que "deixamos na súa mesa durante un ano as propostas, de maneira pública precisamos respostas, non sentenzas aos dirixentes", facendo fincapé en que non haberá negociación, senón que a folga continuará até que acepte as súas reivindicacións ou abandone o cargo.

Entre os dez puntos exixidos polas organizacións sociais atópase a diminución do prezo dos combustíbeis, a moratoria de débedas das familias durante un ano e a súa renegociación mentres se suspenden os embargos, ou prezos xustos nos produtos de primeira necesidade. Tamén reclaman investimento público para frear a precariedade laboral, unha moratoria a novos proxectos mineiros, respecto aos dereitos colectivos dos pobos indíxenas, fin da privatización de sectores estratéxicos, así como garantir unha saúde e educación públicas dignas, e medidas para acabar coa onda de violencia que sofre Ecuador.

A pesar do impacto das primeiras mobilizacións, a detención e liberación de Iza a cuarta feira intensificou unhas protestas que manteñen arredor de 80 estradas fechadas arredor do país, especialmente nas provincias de Pichincha, Tungurahua, Chimborazo, Cotopaxi, Azuay, Cañar, Napo e Pastaza. Tamén se produciron enfrontamentos entre a Policía e a Federación de Estudantes Universitarios na Universidade Estatal de Cuenca.

Comeza o cerco a Quito

Non obstante, é na capital, Quito, onde se está a producir un punto de inflexión nas protestas, ao chegar nas últimas 48 horas milleiros de labregas, labregos e membros de entidades comunais das provincias da denominada Serra centro, que enchen a avenida Pedro Vicente Maldonado.

Amais, a decisión da Fronte de Transportistas de unirse ao paro levounos a bloquear os accesos desde o sur da cidade, aumentando a presión en contra do gabinete entre denuncias de "represión" por agresións das forzas de seguridade públicas ás e aos manifestantes e até xornalistas, como revela un vídeo que transcendeu dun grupo de Policías e militares batendo nun reporteiro do medio Cordillera de Latacunga mentres cubría as protestas en Cotopaxi.

Solicitan a Ecuador respectar o dereito á protesta social

As denuncias de violencia por parte das autoridades en contra dos participantes no paro xeral chegaron até a Organización das Nacións Unidas, que se aprestou na madrugada da cuarta á quinta feira a emitir un comunicado no que insta o Goberno de Lasso a respectar "as garantías constitucionais e legais para o exercicio da protesta social e ao debido proceso das persoas detidas". Ao tempo, chamou " a baixar as tensións e dialogar".

Comentarios