Omar Karem, xornalista nado no territorio palestino da Faixa de Gaza que iniciou o 31 de decembro unha folga de fame en Bélxica en apoio á loita do pobo palestino fronte á agresión militar israelí, participou hoxe nunha rolda de prensa no Parlamento da Unión Europea (UE), en Bruxelas, canda a deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda.
Miranda denunciou o “desastre humanitario” no terreo e que “Israel leva anos intentando desacreditar e desmantelar” a Axencia da Organización das Nacións Unidas para os refuxiados palestinos, á que varios Estados membros ou da contorna da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) retiraron o financiamento.
Nun acto do que tamén formaron parte Lydie Massard, Idoia Villanueva e Miguel Urbán, a primeira representante da Alianza Libre Europea/Os Verdes (grupo parlamentario ao que pertence o BNG na UE) e o resto membros da Esquerda, Karem subliñou que “todas as nacións colonizadas teñen dereito a liberarse e dereito á igualdade”, cualificando a agresión militar sionista como un xenocidio.