A ministra Calviño formula un plan de reformas até 2023

A vicepresidenta económica, Nadia Calviño, respostou desde a comisión de Reconstrución no Congreso ás condicións previstas por Bruxelas para acceder aos fondos pospandemia da UE, anunciando que se elaborará un plan de reformas baseado en seis grandes eixos, a executar durante os vindeiro anos. 
A vicepresidenta de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, na comisión de Reconstrución (Imaxe: Pool / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, na comisión de Reconstrución (Imaxe: Pool / Europa Press)

A vicepresidenta de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, apostou esta quinta feira, 28 de maio, na comisión de Reconstrución no Congreso pola posta en marcha dun "plan de investimentos e reformas" para "impulsar o crecemento e a transformación da economía" no Estado durante os vindeiros dous anos.

Seis son os eixos ou "pactos" en que se baseará o plan: transición ecolóxica e economía 'verde'; o emprendemento e a transformación dixital; un pacto polo emprego e a formación profesional; outro pola ciencia, que eleve o seu investimento polo menos a 2%; un pacto polos servizos públicos; e un sexto polo rural  e contra o despoboamento.

Calviño subliñou que as "reformas" que debe conter ese plan requirirán "un importante volume de investimento público e privado" e espera encadralas dentro do plan de recuperación que aproben as institucións da Unión Europea. En todo caso, recoñeceu que as medidas para afrontar as consecuencias da crise implicarán altos custos e lastrarán as contas públicas. 

O anuncio das reformas chega un día após a Comisión Europea ter presentado o seu plan de recuperación, en que se combinan axudas en forma de transferencias a fondo perdido con préstamos. O compromiso do Goberno co plan de reformas de Calviño é un 'si' á condición de Bruxelas, que precisou que para acceder a 560.000 millóns dos 750.000 anunciados, cada Estado tería que presentar plans de reformas aliñados coa política da UE. 

Iglesias, en contra da nacionalización de Alcoa

Os despedimentos na planta galega de Alcoa e na catalá de Nissan entraron tamén na comisión de Reconstrución do Congreso. O Bloque Nacionalista Galego e Esquerra Republicana de Catalunya expuxeron a posibilidade de nacionalizar esas fábricas para evitar a perda dos postos laborais. O vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, recoñeceu que xuridicamente si sería posíbel nacionalizar, mais matizou que non sería partidario, xustificando que se poderían "socializar perdas para logo privatizar beneficios".

A crispación reina na terceira comisión para a Reconstrución

Por terceira vez, a formación ultraespañolista Vox abandonou a comisión para a Reconstrución no Congreso. A primeira marcha aconteceu para protestaren polo sistema de votacións e a segunda para rexeitar que o Goberno español asinase a derrogación da reforma laboral con EH Bildu. Abandonaron a reunión cando o vicepresidente do Executivo español, Pablo Iglesias, sinalou que a Vox "lle gustaría dar un golpe de Estado". O presidente da comisión, Patxi López (PSOE), desculpouse por non ter parado a crispación. Con todo, logo de que a vicepresidenta Nadia Calviño expuxera o seu plan económico, a gresca tornou. O dirixente de Unidas Podemos, Enrique Santiago, acusou López e a mesa da Comisión de gardar silencio ante os ataques que a súa forza recibiu durante a intervención de Vox.

Comentarios