Milleiros de persoas en Euskal Herria pola fin da “política penitenciaria de excepción”

Milleiros de persoas percorreron simultaneamente este sábado as rúas de Bilbo e Baiona (Iparralde) en protesta contra “a política penintenciaria de excepción”. “Agora, os presos!” foi o lema dunha marchas que esixían a Madrid e Baiona a aplicación “do dereito común a todos os presos”.
 

imaxe mani bilbo
photo_camera Manifestación en Bilbo pola fin da política penintenciaria de excepción. Foto: Argia, vía @JonInarritu

Segundo o xornal vasco Gara, 76.000 persoas en Bilbo e 9.000 en Baiona secundaron a mobilización, que comezou ás 17.24 horas da tarde do sábado. O 65% dos alcades de Ipar Euskal Herria apoiaron a protesta.

“No perdan de vista o que hoxe se está a vivir en Bilbo e Baiona”, avisou Joseba Azkarraga, de Orain presoak, ao Goberno español, “mentres os cárceres non se baleiren estaremos ante unha resolución do conflito inconclusa”.

Ao remate da manifestación de Bilbo interviñeron o filósofo Javier Sádaba e a xornalista Pilar Kalzada. Esta última lembrou os presos políticos cataláns e os mozos de Altsasu e afirmou que o Goberno de Pedro Sánchez “non cumpre a palabra dada. É o intre de que se cumpra a lei”. A liberación de presos gravemente enfermos e de avanzada idade, o cómputo de condenas noutros Estados europeos e a fin da política de dispersión foron os eixos centrais das súas reivindicacións.

A maiores, Kalzada esixiu que o novo Estatuto do País Vasco -en tramitación no Parlamento de Gasteiz- “recolla o dereito do preso a cumprir condena preto do seu domicilio. É sinxelamente cumprir a lei, máis nada”.

Comentarios