Mas disponse a presentar ao Rei a Declaración de Soberanía mentres prepara a Lei de Consultas Populares

O presidente da Generalitat, Artur Mas, manterá unha reunión co Rei na Zarzuela a vindeira quinta feira. O encontro vén marcado polo protocolo de presentación de Mas como novo titular do Executivo após as eleccións catalás. Mas aproveitará para presentar formalmente ao monarca a Declaración de Soberanía.
Artur Mas e o Borbón
photo_camera Artur Mas e o Borbón

Mentres o presidente catalán prepara a visita protocolocaria á Zarzuela, a dereita mediática continúa a súa campaña contra o pronunciamento do Parlament catalán. Esta sexta feira, o diario El Mundo, punta de lanza do españolismo, presionou coa súa liña editorial á Moncloa para que leve a Declaración de Soberanía ao Tribunal Constitucional.

Rajoy considera que a Declaración é un disparate que non leva a ningures e que carece de todo valor xurídico. Porén, o presidente do goberno español ten encarregado un informe xurídico para gardarse as costas ante o que poida vir a acontecer.

A vicepresidenta do Goberno español alega que 85 votos no Parlament non servirían nen tan sequera para reformar o Estatut

Onte, a vicepresidenta, Soraya Sáenz de Santamaría, advertiu que coa maioría obtida pola Declaración de Soberanía (85 votos no Parlament, suma de CiU, ERC, ICV e un deputado da CUP) non chegaría sequera para reformar o Estatut catalán (requérese unha maioría cualificada de 90 sufraxios).

Tamén a quinta feira, cando Mas estea departindo co Borbón, porase en marcha no Parlament a Comisión encarregada de elaborar a Lei de Consultas Populares, o texto legal que lexitimará ao goberno catalán para convocar o referendo, previsto en 2014.

Comentarios