venres 23/10/20

O liderato do Sinn Féin volta ao sur: Mary Lou McDonald substituirá Gerry Adams á fronte do Sinn Féin

O veterano líder republicano deixa a presidencia do centenario partido irlandés após 35 anos no cargo. O relevo vén da man dunha muller da beira sur da fronteira británica, da República de Irlanda.

mary lou mcdonald gerry adams

Mary Lou MacDonald  (Dublín, 1969) é a única candidata a suceder Gerry Adams na presidencia do Sinn Féin. Unha candidatura ratificada oficialmente a mediados do presente mes e que se concretará no congreso que o vindeiro 10 de febrero realizará o histórico partido republicano en Dublín. MacDonald, vicepresidenta do SF, asumirá entón a presidencia, o posto que Gerry Adams ocupa desde 1983, hai 35 anos.

Gerry Adams anunciou en novembro pasado que deixaría en 2018 a presidencia nacional do Sinn Féin. Chegou ao cargo en 1983, nunha Irlanda do Norte en pleno conflito armado entre o IRA, e paramilitares unionistas e estado británico e vai deixalo cun SF a piques de ser primeira forza nos seis condados nun escenario onde hai anos que desapareceu a violencia armada. “Dirixir significa saber cando chegou o momento do cambio. O momento chegou”, dixo un Gerry Adams emocionado na clausura do congreso onde realizou o anuncio.

“O Sinn Féin non é un culto, estamos listos para gobernar para o pobo”

Mary Lou MacDonald  é a vicepresidenta do Sinn Féin e, desde 2011, deputada e portavoz da formación no Parlamento da República de Irlanda. Con anterioridade foi eurodeputada. Comezou a militar en política de moza, no Fianna Fáil, o partido conservador creado por Éamon de Valera en 1926 como escisión do Sinn Féin. Deixou esta militancia en 1998 para, posteriormente, adherirase ao republicanismo e á esquerda que representa o SF.

Ten asumido importantes responsabilidades internas no partido republicano e é unha das persoas de peso do seu Ard Chomhairle (Executiva). “O Sinn Féin non é un culto, estamos listos para gobernar para o pobo”, manifestou para se referir á vontade do partido de cambiar a política irlandesa. Non oculta que gostaría de ser a primeira presidenta republicana da República de Irlanda. Actualmente o SF é a terceira forza, cun 14% dos votos. As seguintes eleccións serían en 2021. Catro anos para conseguir a Taoiseach, o posto de presidente, cuxo primeiro ocupante fora aquel 'Eamon de Valera, fundador do partido onde McDonald comezara a súa andaina política. 

O Sinn Féin non tiña una presidenta desde que Margaret Buckley ocupou o cargo, entre 1937-1950. Ademais, e como inciden desde Innesfree1916, o liderado do SF volta ao sur da illa, á República de Irlanda, após case catro décadas en Irlanda do Norte. dESDE QUE EN 1983 Adams e Martin McGuinnes tomaran as rendas.

comentarios