Martin McGuinnes deixa a política: “É hora dunha nova xeración de republicanos”

Número 2 do Sinn  Féin e ex-viceprimeiro ministro de Irlanda do Norte abandona a política por unha enfermidade grave. Na carta de despedida afirma “estar orgulloso” de facer parte “dunha xeración” que rachou “o estado de apartheid” dos británicos nos seis condados.

Martin McGuinnes sinn fein irlanda

Martin McGuinnes (Derry, 1950) di adeus á política irlandesa. Faino apenas uns días despois da súa demisión como viceprimeiro ministro de Irlanda do Norte (en desacordo coa xestión da ministra unionista dun escándalo de corrupción), peza que levou a Londres a convocar eleccións nos seis condados da illa baixo a súa soberanía. O veterano republicano dá o paso motivado por unha grave enfermidade. Non concorrerá aos comicios do 2 de marzo. O Sinn Féin anunciará ao longo dos vindeiros días o nome da persoa que liderará a formación irlandesa nesa cita coas urnas, onde aspira a revalidar o posto de segunda formación máis votada.

“A miña ambición persoal e política é rachar o vínculo con Gran Bretaña”

“É hora de que unha nova xeración de republicanos nos leve a estas eleccións e ao que lle seguirá”, afirma McGuinnes na carta de despedida, onde reitera que o “diálogo é a única opción” para avanzar en Irlanda do Norte. Mantén que a súa “ambición persoal e política é rachar o vínculo con Gran Bretaña e unir todos os que partillamos illa baixo a bandeira común dos homes e mulleres irlandeses”.

McGuinnes declárase “profundamente orgulloso” de facer parte da xeración de republicanos irlandeses “que mantivo viva a visión da liberdade” e que rachou o “estado oranxista de apartheid”. “ Hai máis republicanos hoxe que en calquera outro momento da miña xeración”, asegura.

O veterano nacionalista afirma que, na medida das súas posibilidades participará “con entusiasmo” como “activista” do Sinn Fein na “viaxe para unir o noso pobo e unir a nosa illa”.

McGuinnes, como Gerry Adams, fai parte da xeración que se sumou a finais da década dos 60 ao novo escenario que xurdiu en Irlanda do Norte na loita contra a ocupación británica e pola reunificación da illa. En 1972, e como el propio recoñeceu anos despois, era con apenas 21 anos un dos máximos responsábeis do IRA en Derry, unha das zonas máis combativas contra a ocupación británica. Detido, sufriu prisión e á saída da cal retomou o compromiso, desta volta no Sinn Féin. En 1982 foi eleito deputado por Derry mais negouse a ocupar o escano.

Nas negociacións do proceso de paz de Irlanda do Norte que levarían ao acordo de Venres Santo foi o negociador xefe do Sinn Féin. Desde entón, ocupou diversos cargos no goberno. 

Comentarios