Marrocos comeza a construír máis un muro no Sáhara

El Confidencial Saharaui dá conta do levantamento dunha nova fortificación que se produce nun contexto de máxima tensión no territorio.

Sáhara_Muro
photo_camera [Imaxe El Confidencial Saharaui]

Segundo recolle o portal de información El Confidencial Saharaui o goberno marroquí estaría a iniciar a construción dun novo muro no Sáhara Occidental. Trataríase dunha infraestrutura de area situada entre El Aaiún e Smara. 

A operación iniciouse, segundo informa esta publicación, a pasada semana porén, o goberno marroquí non emitiu ningún comunicado ao respeito. A decisión de Rabat prodúcese no marco dunha crecente tensión no territorio após a expulsión de persoal funcionario da ONU e do fechamento da sede da MINURSO. por orde de Rabat. 

O Sáhara Occidental está dividido actualmente por un conxunto de muros de máis de 2.700 km.

Marrocos mantén o pulso contra as Nacións Unidas logo de que o secretario xeral da organización internacional, Ban Ki-moon se referise á situación que atinxe o Sáhara Occidental como "ocupación", aliás, desde os campamentos de persoas refuxiadas situados no deserto de Arxelia. 

A reacción do goberno de Mohamed VI foi considerada unha declaración de guerra polas autoridades saharianas e o Frente Polisario lanzou un chamamento aos seus efectivos que iniciaron manobras militares. De facto, é a primeira vez desde a declaración do cesamento ao fogo en que máis forza colle a posibilidade de se reanudar o conflito armado. 

Francia anuncia que apoiará a renovación da MINURSO

Para alén do máis, o secretario xeral das Nacións Unidas solicitou ao Consello de Seguridade a renovación do mandato da MINURSO, a operación especial destinada a garantir a convocatoria dun referendo de autodeterminación no Sáhara Occidental. Encomenda aprobada en 1999 e pendente aínda de cumprir. Malia as reticencias iniciais amosadas por Francia e o Estado español, o executivo de François Hollande asegurou nos últimos días a vontade de apoiar esta renovación. Madrid aínda non se pronunciou. 

Comentarios