Tensión no Sáhara Occidental

Marrocos expulsou 84 representantes das Nacións Unidas e fechou a oficina militar da MINURSO. O Polisario mobiliza os seus efectivos. 

Sáhara

Após a visita de Ban Ki-moon a comezos do mes de marzo e de que o secretario xeral das Nacións Unidas se referise á presenza marroquí no Sáhara Occidental como "ocupació", o rei Mohamed VI expulsou 84 persoas que formaban parte do persoal funcionario da ONU e fechou a oficina militar da MINURSO, a operación especial despregada no Sáhara, localizada en Dajla. 

Mohamed VI expulsou 84 persoas que formaban parte do persoal funcionario da ONU

Segundo o mandatario marroquí a presenza e declaracións de Ban Ki-moon nos campamentos de persoas refuxiadas situados en territorio arxelino supuxo unha "ultraxe". Neste contexto, mesmo ameazou con expulsar os 2.300 cascos azuis que as Nacións Unidas ten despregados en África. 

A actitude de Marrocos foi respondida polo secretario xeral das Nacións Unidas solicitando ao Consello de Seguridade que renove o mandato da operación especial (MINURSO) perante a súa caducidade o vindeiro mes de abril. Porén, Francia e o Estado español aínda non se pronunciaron. Ambos os dous territorios manteñen estreitas relacións co rexime de Mohamed VI e, no caso español, continúa sen asumir a súa responsabilidade como potencia administradora do Sáhara. 

Francia e o Estado español non se pronunciaron para que o Consello de Seguridade renove a MINURSO

Pola súa banda, o Frente Polisario recibiu a decisión de Marrocos a respeito da ONU como unha declaración de guerra. Neste senso, o presidente sahariano e líder do Polisario, Mohamed Abdelaziz, está a mobilizar a todos os seus efectivos, mesmo se difundiu un vídeo no que a organización sahariana amosa armamento militar. 

Marrocos mantén unha ocupación do Sáhara Occidental desde 1975. En 1991 e após unha resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas foi constituída a operación MINURSO cuxo obxectivo é a elaboración dun censo co que desenvolver o referendo de autodeterminación. 

Comentarios