Unha manifestación pedirá a dimisión de Carlos Mazón pola “deficiente” xestión da DINA

As entidades convocantes sinalan tamén a responsabilidade do conselleiro de Educación, que mantivo os centros escolares abertos nas áreas afectadas.

Carlos Mazón, presidente da Generalitat Valenciana, e o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
Carlos Mazón, presidente da Generalitat Valenciana, e o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, esta quinta feira. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)

Más de vinte entidades convocaron para o 9 de novembro, sábado da semana que vén, unha manifestación para protestar contra a xestión que o Goberno valenciano fixo da DINA que tivo unhas consecuencias dramáticas no Levante.

O lema da marcha, que transcorrerá entre a praza do Concello e o Palau da Generalitat, é “Mazón dimisión”. O obxectivo é exixir a depuración de responsabilidades por unha xestión da DINA consideran deficiente.

Nun comunicado, as organizacións e entidades expresan o pésame e a solidariedade coas familias e amizades das vítimas mortais e poñen os seus recursos ao dispor da sociedade.

“O Goberno valenciano, co presidente Mazón diante e como máximo responsábel, demostrou unha grave carencia de capacidade e eficiencia para xestionar calquera tipo de crise”, din, e lembran que a alerta chegou con máis de 12 horas de atraso. Tamén denuncian a responsabilidade do conselleiro de Educación, que mantivo os centros escolares abertos nas áreas afectadas cando nalgúns lugares xa non había luz. “Puxo en perigo a integridade dos nenos e dos docentes. A súa inoperancia continúa, debido a que hoxe, 31 de outubro, suspenderon as clases de zonas asolagadas da demarcación de Castelló despois de empezar o horario lectivo”.

As entidades tamén critican algunhas empresas que exixiron aos traballadores continuar coa actividade laboral a pesar do risco evidente que había. Ademais, critican o feito que o Consello non admitiu nunca o colapso do teléfono 112 para recoller as emerxencias e do teléfono de axuda ás familias dos desaparecidos.

As organizacións e entidades convocantes son: Acció Cultural del País Valencià, Amical de Mauthausen, Arran-SEPC-COS-Endavant, Arrels del Canvi, Assemblea de Barri de Montolivet, BEA, Benicalap Viu, Ca Bassot, Ca Revolta, CNT València, Comissió Ciutat-Port, Coordinadora Associacions Memòria Democràtica País Valencià, Decidim, Plataforma pel dret a decidir del País Valencià, Entrebarris, Escola Valenciana, FAMPA València, Intersindical Valenciana, Joves d’ACPV, JovesxRussafa, LAMBDA, Plataforma 14 d’abril per la República, Societat Coral el Micalet, Teixint Patraix  e Associació Cultural És País Valencià.

Comentarios