A Generalitat Valenciana eleva a 155 as persoas falecidas polas consecuencias da DINA

A ministra de Defensa, Margarita Robles, confirma que hai "moitas" desaparecidas.
Bombeiros no políbono Ribarroja, en València, esta quinta feira, realizando labores de busca de persoas desaparecidas. (Foto: Jorge Gil /  Europa Press)
Bombeiros no políbono Ribarroja, en València, esta quinta feira, realizando labores de busca de persoas desaparecidas. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)

No mínimo 155 persoas morreron polas consecuencias da DINA que afectou o Levante español, segundo informou o Centro de coordinación de Emerxencias da Generalitat Valenciana . A maioría das falecidas está no País Valencià, onde hai máis dun cento, mais tamén se rexistraron vítimas en Castela-A Mancha e Andalucía.

O espazo habilitado na Cidade da Xustiza de València para a recepción dos corpos das vítimas mortais recibiu xa ducias de cadáveres, segundo confirmaron fontes xudiciais.

O Goberno español marca como prioridade buscar as "moitas persoas desaparecidas" pola DINA en València. A ministra de Defensa, Margarita Robles, trasladou esta quinta feira esa "prioridade", mais non pode precisar a cifra de persoas que continúan en paradoiro descoñecido tras o temporal. Robles mencionou especificamente as localidades valencianas de Paiporta e Masanasa, gravemente afectadas pola DINA, nas que podería haber cidadáns atrapados en garaxes, segundo a teoría que manexan as autoridades competentes.

Na mañá desta quinta feira reanúndanse os labores de rescate e de bsca de desaparecidas, nos que tomarán parte ao redor dun milleiro de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), así como miles de axentes de Garda Civil, Bombeiros e policía. Esta quinta, as fortes choivas ameazan outras zonas do Levante e tamén partes de Andalucía e Estremadura 

Na noite de onte, 30 de outubro, estaban confirmadas 95 mortes, 92 no País Valencià, dúas en Castela-A Mancha e unha en Andalucía, ás que hai que engadir ducias de desaparicións a raíz sobre todo das chuvias da terza feira causadas por unha depresión illada en niveis altos (DINA), tamén coñecida como gota fría, común na contorna do mar Mediterráneo.

Porén, nesta ocasión a gravidade das inundacións e a falta de previsión e resposta institucional convertérono no desastre natural con máis vítimas mortais rexistrado no Estado, por diante da riada en Biescas (Aragón) que matou 87 persoas en 1996 e a riada do Túria en 1957, que deixou 81 cadáveres, e tras o que o leito do río foi modificado para que evitara o centro de València. O Goberno español declarou tres días de loito oficial.

Só en Paiporta, na área metropolitana de València, 40 persoas faleceron, entre elas crianzas e seis que estaban nunha residencia para persoas maiores.

Múltiples persoas tiveron que pasar a noite da terza á cuarta feira na contorna da urbe enriba de tendas, camións ou atrapadas nos seus coches despois da inundación das estradas polo volume de auga e a saturación dos servizos de emerxencia, que segundo as autoridades valencianas non podían actuar nestas condicións, imposibilitando a poboación ir ao traballo ou regresar ás súas casas. Na estación meteorolóxica de Chiva, no centro do País Valencià, rexistráronse 445,4 litros por metro cadrado, o volume máis alto detectado no territorio desde 1996.

En paralelo, a cuarta feira 115.000 persoas seguían sen electricidade na provincia de València, informou Iberdrola. A interrupción tamén desencadeou numerosos cortes nos servizos de comunicación na área, tanto na telefonía móbil ou fixa como no tocante a internet, constataron as principais compañías do sector. Isto tamén afectou ao 112, co que era imposíbel contactar, segundo reportaron varias persoas. 120.000 usuarias e usuarios estaban sen cobertura móbil.

Ademais, unha vintena de puntos de nove estradas, incluíndo as autovías A-7, A-3 e A-35, estaban fechados, e a Generalitat Valenciana reclamou a toda a cidadanía evitar desprazamentos por estrada nas provincias de València e Castelló, tamén para garantir o paso dos servizos de emerxencia. No que atinxe aos servizos ferroviarios, a clausura deixou a capital sen conexión con Madrid, Barcelona, Sevilla, Murcia, Albacete, Tortosa ou Aragón, e o mesmo acontecía coa meirande parte dos servizos de trens de proximidade. Amais, unha trintena de voos foron desviados. Ao respecto dos portos, o de València non abriu até as 12, hora na que os de Sagunt e Gandia permanecían parados.

Aínda que con menos impacto que no País Valencià, as chuvias torrenciais tamén afectaron o leste de Castela-A Mancha. En Letur (Albacete), unha vila localizada nos lindes coa Rexión de Murcia, as inundacións arredor do mediodía deixaron seis persoas desaparecidas, unha das que se confirmou que perdeu a vida, e o outro cadáver atopouse en Mira (Cuenca), perto do País Valencià. Tamén, mais xa polas chuvias da cuarta feira, corroborouse unha morte en Málaga (Andalucía).

A baixada das augas deixou ao descuberto os danos das inundacións e os corpos das vítimas mortais, polo que o Ministerio de Defensa ofreceu depósitos de cadáveres portátiles e activou medios aéreos e equipos caninos para localizalos, así como de psicólogos militares.

Despois de que as e os meteorólogos advertiran sobre a gota fría no País Valencià, e a pesar do nivel vermello de alerta da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), ao comezo da terza feira a Generalitat Valenciana, controlada polo Partido Popular (PP) e a ultraespañolista Vox até xullo, e desde entón polo PP en solitario, minimizou o efecto das chuvias cando xa había información do incremento dos caudais, informando apenas dalgunha estrada e das escolas fechadas, tras o que Carlos Mazón (PP), o presidente, continuou coa súa axenda normal. Até as 20.12 non se enviou unha alerta polas chuvias aos móbiles da poboación, cando moitas persoas xa estaban atrapadas logo de intensificarse as precipitacións catro horas antes, e até pasada a medianoite Mazón non comunicou que se produciran falecementos.

Unha vez no poder, Mazón suprimiu a Unidade Valenciana de Emerxencias creada polo Executivo anterior. Isto foi lembrado pola Intersindical Valenciana, que acusou de “descoordinación” e “falta de previsión” o Goberno, algo que confirmou unha fonte con coñecemento do Gabinete territorial, que afirmou a medios estatais que se tratou dunha “evidente neglixencia política”.

En tanto, o certo é que “hai unha tendencia observada dun aumento da frecuencia e severidade dos eventos extremos [do clima]” por mor do cambio climático, subliña a Nós Diario Dominic Royé, investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutor en Bioclimatoloxía, que debulla que “cada grao de temperatura aumenta o vapor de auga na atmosfera”, o que fai que “estes fenómenos sexan máis probábeis” nunhas partes, pero noutras latitudes isto implica unha alza da evaporación e deriva en secas, remarcou.

O experto fixo fincapé en que “estamos a finais de outubro”, cando son eventos que adoitan producirse a comezos do outono, o que reflicte a mudanza dos patróns climáticos.

Apoio desde a Galiza

Pola súa parte, o Parlamento galego emitiu unha declaración institucional de solidariedade coas persoas afectadas e a Xunta confirmou o envío dun dos dous helicópteros cos que conta para realizar tarefas de salvamento á zona afectada despois dos contactos co País Valencià e Castela-A Mancha. O presidente galego, Alfonso Rueda (PP), cualificou a situación de “tremenda” e con perspectivas “nada boas”, e transmitiu que falou cos seus homólogos, Mazón e Emiliano García-Page (PSOE), á fronte da Junta castelán-manchega.

Asemade, a líder da oposición e do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, reiterou o apoio á Xunta para o envío de “todos os medios que sexan necesarios” e trasladou “todo o cariño, a solidariedade e o apoio” da forza nacionalista ás damnificadas.

Tamén José Ramón Gómez Besteiro, que encabeza o Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), indicou que a formación está “absolutamente conmovida” pola “traxedia medioambiental que se está a producir no levante español”.

A DINA vira cara ao golfo de Cádiz

Amais do norte do País Valencià, as chuvias tamén afectaron a cuarta feira Catalunya, mais a DINA “está centrada na área do golfo de Cádiz”, explicou a Nós Diario o director de Meteoroloxía de Meteored, José Antonio Maldonado, con inundacións na cidade homónima, Xerez e Málaga. Nos vindeiros días sinala que poderá chover no Mediterráneo e en Andalucía, e detalla que a DINA é unha combinación de aire cálido nas capas baixas e frío nas altas da atmosfera.

 

Comentarios